A Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha achega total de 300.000 euros destinada a confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadoras e federacións do sector marítimo da provincia.
Trátase dun incremento de 75.000 euros respecto a 2024, co obxectivo de reforzar tanto o funcionamento diario destas entidades como os seus investimentos en infraestrutura e equipamento.
Segundo explicou o presidente provincial, Luis López, "esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural. Con estas achegas demostramos, con feitos e non só con palabras, que estamos ao carón dos pescadores e das mariscadoras, dando resposta ás súas demandas".
A maior parte do orzamento, 200.000 euros, irá destinada a cubrir gastos correntes en 22 entidades de 18 concellos, unha liña que se puxo en marcha por primeira vez en 2024.
Esta partida permitirá afrontar custos como os de persoal, electricidade, combustible ou a compra de semente, con contías que oscilan entre os 2.900 e os 12.000 euros por entidade.
Entre as confrarías beneficiadas atópanse as de Bueu, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Poio, Pontevedra, Portonovo, Sanxenxo, Soutomaior,Vilaboa, Vilaxoán e Vilanova de Arousa.
A segunda liña, dotada con 100.000 euros, 25.000 máis que o pasado ano, ten como obxectivo apoiar investimentos en 15 agrupacións de 13 concellos.
Estes fondos permitirán adquirir vehículos, motores, material informático e de vixilancia, cunha distribución que vai desde os 728 aos 20.000 euros por proxecto. Neste grupo inclúese tamén a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.