A vía verde entre Pontevedra e Redondela vai collendo xeito para ser realidade

Pontevedra
03 de xuño 2025

O Ministerio de Transportes abre a porta á cesión das vías en desuso tras a solicitude da Deputación de Pontevedra, que asume o liderado do proxecto

Vía Verde
Vía Verde / Fundación de los Ferrocarriles Españoles

A histórica demanda dunha Vía Verde que conecte Pontevedra con Redondela deu un paso decisivo cara á súa materialización.

O Ministerio de Transportes confirmou oficialmente a súa disposición a estudar fórmulas para a cesión temporal da infraestrutura ferroviaria en desuso, respondendo así á petición formulada en abril polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

"Ábrese unha oportunidade ata agora inédita nun proxecto estratéxico para a provincia", valorou López tras recibir a comunicación oficial da secretaria xeral de Transporte Terrestre, Rocío Báguena, na que manifesta a vontade do Ministerio e Adif de analizar a desafectación dos terreos mentres "non sexan necesarios para a explotación ferroviaria".

Ante esta resposta positiva, o goberno provincial xa anunciou que estudará a mellor alternativa para solicitar formalmente a cesión, paso imprescindible para avanzar no proxecto.

Ademais, a Deputación encargará un estudo de factibilidade para avaliar as posibles opcións de conversión do trazado ferroviario en Vía Verde.

Este proxecto, que beneficiaría aos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa, busca dar continuidade á Vía Verde entre Vigo e Redondela, unha infraestrutura que se considera clave para o equilibrio territorial e a dinamización económica da zona.

Nesta liña, a Deputación xa está a financiar con 300.000 euros a continuidade da senda no municipio de Redondela.

O presidente provincial fixo un chamamento a todas as administracións implicadas para "seguir traballando desde o consenso e a altura de miras" nun proxecto que, segundo subliñou, non só impulsará o turismo activo no destino Rías Baixas, senón que tamén ofrecerá novas alternativas de mobilidade sustentable.