Piden que se oficialice a resposta favorable do Ministerio de Transportes á Vía Verde entre Pontevedra e Redondela

Pontevedra
05 de maio 2025

A Deputación de Pontevedra agarda que se materialice a cesión do treito ferroviario para impulsar esa ruta de 35 quilómetros polas antigas vías do tren

Marcha para reivindicar unha Vía verde entre Pontevedra e Vigo
Marcha para reivindicar unha Vía verde entre Pontevedra e Vigo / Pedaladas

O proxecto da Vía Verde das Rías Baixas deu un paso adiante logo de que o Ministerio de Transportes comezase a traballar na elaboración do informe necesario para a desafectación das vías ferroviarias entre Pontevedra e Redondela, e tamén entre Pontevedra e Portas.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción por esta resposta favorable, mais insistiu na necesidade de que se oficialice "canto antes" a cesión dos terreos por parte do Adif para poder continuar co desenvolvemento desta infraestrutura, que o mandatario provincial cualifica de "estratéxica para a Deputación e a provincia".

"Estamos a liderar esta reclamación, e queremos seguir facéndoo tendendo a man a todas as administracións implicadas", sinalou López, quen reafirmou o seu "compromiso firme e inequívoco" para facer realidade este proxecto.

Días atrás, o portavoz municipal en Pontevedra do PSOE, Iván Puentes, reclamaba a intervención da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia neste tema, cuestión que se debatirá en diversos plenos municipais e no provincial.

A comezos de abril, o presidente provincial xa remitira unha carta a Óscar Puente, ministro de Transportes, amosando o interese da Deputación na execución da Vía Verde e solicitando prazos concretos para a liberación dos terreos.

Na misiva, López ofreceu a colaboración do organismo provincial e demandou a implicación do Goberno tanto no proceso administrativo como no financiamento.

A ruta de 35 quilómetros conectará Vigo con Vilagarcía a través dunha vía peonil de alto valor ecolóxico, situando as Rías Baixas como unha referencia nacional na recuperación de trazados ferroviarios abandonados.

Mentres se agardan os avances na cesión, a Deputación continúa a impulsar outros treitos desta infraestrutura, como demostran os 300.000 euros destinados ao Concello de Redondela ou as actuacións na comarca do Salnés, segundo indican desde o goberno provincial.