Tras anos de reivindicacións e xestións discretas, o proxecto da Vía Verde das Rías Baixas está a ocupar a actualidade informativa durante estas xornadas a través das diferentes formacións políticas de Pontevedra.
O concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera, anunciou que o Concello está disposto a colaborar coa Deputación de Pontevedra para impulsar esta senda que aproveitaria antigos tramos ferroviarios.
Na rolda de prensa ofrecida esta mércores, Mosquera destacou que a idea da Vía Verde "non é nova" e que forma parte dunha demanda histórica dos nacionalistas, segundo afirmou, que agora semella ter condicións máis propicias para desenvolverse.
"A Deputación debe poñerse ao fronte e tramitala a través dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA)", sinalou reclamando tamén a implicación da Xunta de Galicia.
O proxecto baséase no reaproveitamento de antigos tramos de ferrocarril xa sen uso e ten como obxectivo crear un itinerario natural, cómodo e sen grandes pendentes.
Mosquera recoñeceu que "hai tramos especialmente complexos", sobre todo entre Portas e Arcade, en Soutomaior, onde entende que sería necesario estudar posibles variantes e expropiacións para garantir a continuidade do trazado.
"A traza orixinal é do século XIX, e nalgúns puntos pasa preto do Camiño de Santiago, polo que habería que analizar a compatibilidade ou buscar alternativas", explicou o concelleiro, que tamén advertiu sobre os retos técnicos que presenta o proxecto, como o estado dalgunhas estruturas ou tuneis como o de Monte Porreiro. "Dicían os técnicos que choven chuzos dentro do túnel en días de sol; a enxeñaría recreativa queda moi bonita no papel, pero despois hai que executala", lembrou o concelleiro.
Segundo Mosquera, seguen a manterse contactos con alcaldías como a de Soutomaior e co propio presidente da Deputación, Luis López, "que aínda que o PP votou en contra dunha moción recente do PSOE, están nunha tesitura favorable" na institución provincial. A liña de traballo pasa, explicou, por negociar con ADIF a cesión dos terreos inutilizados e afrontar expropiacións onde sexa necesario crear percorridos alternativos.

Lembrou tamén que na xuntanza mantida en xaneiro entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, o goberno central indicou que están condicionados ante este proxecto de Vía Verde. "Teñen a presión da UE para pasar a ancho de vía internacional" e por iso manteñen estes tramos por se son necesarios para traslado de mercadorías, explicou o concelleiro.
Sobre Pontevedra, destacou que habería que estudar as opcións. Historicamente o trazado do tren na cidade cruzaba a zona de Raíña Vitoria, na contorna da Alameda, para continuar por unha estrutura situada en paralelo á ponte da Barca e manténdose pola zona próxima onde actualmente permanece a Comandancia da Garda Civil, aínda con algunhas trazas visibles, segundo explicou Mosquera.

"Cruzar Pontevedra non está enriba da mesa neste momento, pero habería que estudalo", apuntou.
"Temos vontade política", manifestou César Mosquera, insistindo en que é preciso buscar o encaixe legal a través do PIA baixo un estudo de viabilidade para comprobar cara que punto debe ubicarse o proxecto.