Lores advirte a Elnosa que darlle licenza é "legalmente imposible" pola súa propia inacción

Pontevedra
05 de novembro 2015

O alcalde de Pontevedra reiterou este xoves que darlle licenza a Elnosa para que continúe a súa actividade en Lourizán é "legalmente imposible". E diso ten culpa, afirmou, a propia empresa que non ordenado urbanisticamente o espazo que ocupa no complexo industrial, e da Xunta de Galicia que, en época de Fraga como presidente, deixou fóra á cloreira da declaración de supramunicipalidade de ENCE

O alcalde de Pontevedra fala cos membros do comité de empresa de Elnosa
O alcalde de Pontevedra fala cos membros do comité de empresa de Elnosa / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reiterou este xoves que darlle licenza a Elnosa para que continúe a súa actividade en Lourizán é "legalmente imposible". E diso ten culpa, afirmou, a propia empresa que non ordenado urbanisticamente o espazo que ocupa no complexo industrial, e da Xunta de Galicia que, en época de Fraga como presidente, deixou fóra á cloreira da declaración de supramunicipalidade de ENCE.

"Eu non podo darlle licenza porque sería ilegal", insistiu Fernández Lores. E todo porque, durante 25 anos -desde que se aprobou o PGOU en vigor- non desenvolveron o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que esixe a lexislación para poder operar urbanisticamente sobre calquera unidade de actuación. "Non o fixeron nunca e non o queren facer", lembrou porque segundo lembra o alcalde, terían que habilitar zonas verdes e ceder terreos ao Concello.

Estas cuestións urbanísticas e legais "non teñen arranxo", afirmou o alcalde que sinalou que "o demais é falar para a feira".

Con respecto á Xunta, o rexedor da capital subliñou que Elnosa quedou fóra do decreto de supramunicipalidade de ENCE, aprobado polo goberno de Manuel Fraga alegando o "interese xeral" da compañía polo seu impacto sobre a economía galega e polo cal "saltáronse ao Concello" abrindo a porta á súa continuidade. Unha declaración similar podería aclarar o futuro da cloreira e, segundo Lores, "eu me podo esperar calquera cousa do PP".

En todo caso, máis aló de cuestións legais, Lores reiterou que tanto ENCE como Elnosa están a ocupar terreos "roubados ao mar" que no goberno municipal "queremos recuperar", un posicionamento político que pediu que "se me respecte", especialmente cando os cidadáns, o pasado mes de maio, votaron maioritariamente por partidos que se opoñen á continuidade do complexo industrial "e se queren mantelo votarían a outros".

Fernández Lores nin quixo, iso si, contestar o secretario comarcal de CCOO e ao comité de empresa de Elnosa que, este mércores, cualificaron como un "absoluto impresentable" ao alcalde. "Cada un defínese polo que di", afirmou visiblemente molesto porque, mediante as concentracións anunciadas diante do Concello, os traballadores da empresa pretendan "presionarme para que faga cousas".

Arquivado en