Lores advirte da "posibilidade alta" de que o Museo perda 3 millóns de fondos europeos

Pontevedra
06 de marzo 2025

O alcalde pontevedrés lamentou que a rehabilitación do García Flórez e do Castro Monteagudo acumula un "retraso claro" de case dous anos porque "debería estar en obras desde finais de 2023"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O tres millóns de euros que o anterior goberno provincial logrou de fondos europeos para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra corren o risco de perderse.

Así o reiterou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que aprecia unha "posibilidade alta" de que a Deputación non poida cumprir os prazos marcados.

Fernández Lores lembrou que para poder conservar esa axuda este proxecto debería estar executado na súa totalidade "como moito" a principios de 2027 e, por agora, aínda non se presentou a licenza para poder iniciar as obras.

O rexedor pontevedrés lamentou que a rehabilitación do García Flórez e do Castro Monteagudo, os inmobles fundacionais do museo, acumula un "retraso claro" de case dous anos porque "debería estar en obras desde finais de 2023".

Sostivo que, antes do regreso do PP ao executivo provincial, o proxecto "estaba feito" e contaba xa cun "informe verbal positivo" por parte de Patrimonio.

"A nós os prazos non nos dan", subliñou Lores, que relacionou esta situación coas "liadas" de Rafa Domínguez, vicepresidente provincial e coordinador político do Museo de Pontevedra, "modificando proxectos ou cambiando aos responsables da súa elaboración".

Con respecto a esta actuación nos edificios históricos da Praza da Leña, o alcalde insistiu en que no Concello "non hai nada presentado" e que se decataron pola prensa de que o proxecto se remitiu a Patrimonio da Xunta.

A este respecto, Fernández Lores espera que o informe do departamento autonómico "sexa favorable" a esta nova intervención e se presente a solicitude de licenza ante o Concello para que se poida executar canto antes.