Lores afirma que precisaría outros dez anos para "facer todo o que quero facer por Pontevedra”

Pontevedra
22 de maio 2025
Actualizado: 23:27

O alcalde amosa a súa disposición a continuar na política municipal durante o acto de balance de medio mandato do BNG, onde anunciou novas actuacións e destacou a proxección internacional da cidade

O BNG celebra o seu acto de metade de mandato co lema 'Nova enerxía, máis futuro'
O BNG celebra o seu acto de metade de mandato co lema 'Nova enerxía, máis futuro' / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manifestou este xoves 22 que está "nun dos mellores momentos" da súa vida política e que "igual non chegan outros dez anos na Alcaldía para facer todo o que quero facer por Pontevedra".

Estas declaracións realizounas na Sala Zennet durante o acto de balance de medio mandato organizado polo BNG baixo o lema 'Nova enerxía, máis futuro', no que se analizou o traballo feito ata agora polo goberno municipal e se presentaron numerosas propostas de futuro.

No evento, que contou coa presenza da portavoz nacional Ana Pontón, a primeira tenente de alcalde Eva Vilaverde e a responsable local do Bloque, Sabela Bará, Lores presentou un ambicioso proxecto a medio prazo para a cidade que abrangue os vindeiros oito ou dez anos.

O rexedor, visiblemente emocionado, deixou clara a súa disposición para seguir a transformar a cidade.

Entre as iniciativas en marcha para o que resta de lexislatura, Lores destacou o parque da Parda, o remate da Santiña, a renaturalización do Gafos, unha nova xestión dos residuos, o pavillón de Monte Porreiro e os Premios Feroz 2026, ademais de variadas actividades culturais.

Ante a ampla lista de propostas, o alcalde reflexionou: "Pensándoo ben, non sei se van chegar os 8-10 anos para executalos todos. Intentarémolo".

Lores expresou a súa satisfacción polos numerosos recoñecementos internacionais que recibe a cidade: "Logramos transformala entre todas e todos. Logramos que sexa unha referencia mundial ollada con admiración. Quen podía pensar que a nosa Pontevedriña ía ter esta proxección internacional? Pois os que sabiamos do seu potencial, os que estamos namorados dela. Pontevedra non ten límites, estou convencido".

O alcalde asegurou que nos vindeiros anos o goberno seguirá traballando para adiantarse a novos retos, propoñendo solucións de vangarda. "Na xestión pública o único importante é o presente, e o futuro, cara onde imos e o que se vai facer. Documentación e coñecemento hai dabondo para poder tomar as decisións acertadas e adiantarse ao futuro", subliñou.

Durante a súa intervención, Fernández Lores tamén criticou a actitude do PSOE e do PP municipais por "tentar boicotear o proxecto nacionalista por activa e por pasiva" a comezos do mandato, o que requiriu "un grande esforzo para poder volver á normalidade".

Tamén censurou o "retroceso bastante forte" nas relacións coa Deputación Provincial e nos investimentos destinados á cidade, especialmente a parálise dos edificios centrais do Museo e Santa Clara, así como a negativa a colaborar nos mundiais de triatlón.

Pola súa banda, Ana Pontón destacou o seu orgullo polo "modelo Pontevedra", que definiu como "o modelo de calidade do BNG", e eloxiou a capacidade do grupo de goberno para "reinventarse e mirar ao futuro con políticas novidosas e pioneiras".

A líder nacionalista sinalou que, malia a súa dilatada experiencia como rexedor, Lores "ten unha enerxía e unha frescura que semella que é a primeira vez que accede á Alcaldía".

A portavoz nacional do BNG puxo o foco nos puntos fortes do goberno nacionalista na cidade, que sintetizou en "razón e corazón, intelixencia e ilusión, coñecemento e paixón", explicando que o grupo municipal ten un coñecemento preciso da administración local, das tendencias máis avanzadas e das solucións máis acaídas para facer avanzar Pontevedra.

No que respecta ás relacións coa Xunta, Pontón criticou o "boicot de anos" por parte do Executivo do PP á cidade, mostrando un "sectarismo político inadmisible", aínda que recoñeceu que "parece que hai un cambio de actitude acertado" no goberno de Rueda, "porque o goberno de Rueda só acerta cando rectifica".

Entre as estratexias de vangarda desenvolvidas polo goberno municipal, como as zonas de baixas emisións, coche de punto, o plan Revitaliza ou o modelo urbanístico, Pontón subliñou "que son iniciativas de referencia a seguir por outros concellos.

Eva Vilaverde, tenente de alcalde, salientou que o Concello está "en continuo proceso de cambio e adaptación" en todos os sentidos. "Ao goberno municipal véxoo coordenado, con impulso, con dedicación intensiva e utilizando a experiencia para afrontar con nova enerxía e con nova ilusión todos estes cambios", afirmou..

Para rematar, Sabela Bará, responsable local do BNG, atribuíu a transformación de Pontevedra ao carácter nacionalista do proxecto: "Para facer o que se fixo en Pontevedra hai que ter confianza nas nosas posibilidades e moita fe no noso pobo", concluíu.