O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chamou á participación nas mobilizacións de apoio ao pobo palestino convocadas coincidindo co paso pola comarca de La Vuelta Ciclista a España.
A carreira ciclista partirá este martes 9 de setembro desde Combarro, e as protestas que acompañan á caravana ciclista repetiranse na provincia.
En concreto os puntos de encontro son a rotonda da ponte da Barca e a rotonda de Manuel del Palacio, en Pontevedra, e o cruzamento de Pierres en Arcade.
Unha convocatoria á que confirmou que acudirá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Vou a estar presente para manifestar a miña oposición a este xenocidio televisado que é unha vergoña para unha sociedade do século XXI", avanzou o rexedor da capital en declaracións ofrecidas coincidindo coa apertura este luns do curso escolar.
"Creo que está absolutamente xustificado. Obviamente o que queremos, eu personalmente como alcalde e como cidadán, é deixar constancia de que non se pode permitir no século XXI que se estea facendo esta masacre dun pobo enteiro", afirmou Lores.
O alcalde Pontevedra concluíu a súa argumentación defendendo que "a sociedade non pode estar impasible ante a morte de miles de persoas, especialmente de nenos que están a morrer literalmente de fame por unha decisión política que é absolutamente condenable".
A etapa 16 de La Vuelta ten prevista a súa saída desde Combarro ás 13.05 horas deste martes, con paso pola cidade de Pontevedra 10 minutos máis tarde desa hora, apenas tres quilómetros despois da súa saída lanzada.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.