Lores, en Puente Genil: "A mellor seguridade viaria son os nenos xogando na rúa"

Pontevedra
27 de abril 2017

O modelo urbano de Pontevedra reivindicou o seu protagonismo no marco no primeiro Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria, que se está a celebrar estes días na cidade cordobesa de Puente Genil

Intervención do alcalde no I Congreso Iberoamericano de Policía pola seguridade viaria
Intervención do alcalde no I Congreso Iberoamericano de Policía pola seguridade viaria / Concello de Pontevedra

O modelo urbano de Pontevedra reivindicou o seu protagonismo no marco no primeiro Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria, que se está a celebrar estes días na cidade cordobesa de Puente Genil.

Pontevedra estivo representada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polo intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que impartiron sendas intervencións, nas que fixeron un percorrido pola transformación urbana de Pontevedra e unha análise sobre a educación viaria nunha cidade pensada para os nenos, respectivamente.

Ambos participaron nun panel que xirou sobre seguridade, educación e mobilidade sostible nas cidades.

No momento do debate, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi o único que recibiu preguntas sobre a súa intervención, segundo trasladan desde o Concello.

En concreto, preguntáronlle se a transformación urbana foi sostible economicamente, ao que o rexedor pontevedrés contestou categoricamente que si. “Non é máis cara ou menos cara, simplemente hai que tomar a decisión política e traballar nese sentido”, explicou Fernández Lores

"Ou restrinximos o vehículo privado ou nos meten os coches na cama", sinalou o alcalde, que a modo de exemplo explicou que "cando unha persoa merca un coche, non merca catro metros cadrados de espazo público. É o teu coche e gárdalo onde queiras, porque eses catro metros cadrados son de todos, non dos coches privados".

Quixo recordar que para o goberno de Pontevedra o espazo público é unha prioridade de primeira necesidade como pode ser a educación ou a sanidade, dado que a rúa é a principal representación democrática da sociedade, xa que "a pé todos somos iguais".

Lores rematou a súa intervención lembrando a Francesco Tonucci, estes días por Pontevedra, cando reitera que “a mellor forma de seguridade viaria son os nenos na rúa, porque a ninguén se lles ocurre facerlles dano”.

Durante a xornada matinal, Pontevedra xa foi obxecto de mención por parte de Bartolomé Vargas Cabrera, fiscal de sala coordinador de seguridade viaria da Fiscalía Xeral do Estado, encargado de dar a conferencia maxistral que abriu este congreso no que participan máis 200 políticos e profesionais da seguridade de todo o Estado e de América Latina.

A súa mención a Pontevedra foi para presentala como un dos exemplos do Estado onde se está a traballar seriamente en favor da seguridade e da educación viaria.