Melilla fíxase en Pontevedra para mellorar a seguridade viaria

Pontevedra
27 de maio 2017

O xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, participa nun encontro de información e reflexión promovido pola sociedade civil da cidade autónoma

Daniel Macenlle, intendente principal da Policía Local de Pontevedra
Daniel Macenlle, intendente principal da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra foi convidada a participar na Mesa pola Mobilidade de Melilla, integrada por Melilla Con Bici, a Federación Ciclista de Melilla, ANPAs e case todos os partidos políticos da cidade en colaboración con Guelaya-Ecoloxistas en Acción.

Ata a cidade autónoma desprazarase o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, os días 29 e 30 de maio.

Neste encontro, organizado para debater a forma de mellorar en seguridade viaria, Macenlle explicará as medidas adoptadas nos últimos anos en Pontevedra, como a adopción da zona 30, medidas de acougado de tráfico ou a implantación do modelo de convivencia entre peóns e tráfico rodado nalgúns espazos do centro da cidade, aspectos reflectidos nas estatísticas con cero falecidos por atropelo no centro urbano desde febreiro de 2011.

A Mesa pola Mobilidade de Melilla inclúe un encontro informal e de reflexión cos integrantes dos diferentes colectivos participantes, unha rolda de prensa, a visita á concellería de Seguridade Cidadá e unha conferencia aberta a toda a cidadanía.