O modelo urbano de Pontevedra volveu estar presente nun foro de discusión fóra da propia cidade este xoves.
Neste caso, no Foro das Cidades celebrado en Madrid, unha xuntanza anual de xestión e deseño urbano no que foi o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen expuxo ante o auditorio o traballo realizado e subliñou que os cambios deben abranguer ao conxunto da cidade, e non só aos centros co fin de garantir a igualdade da cidadanía e a multifuncionalidade do espazo urbano.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, ademais de falar do modelo pontevedrés, Lores participou nun animado debate que se centrou nos límites do consenso ou das decisións por maioría cando se abordan situacións de cambio drástico como as que normalmente traen consigo os procesos de transformación.
"Os cambios na mobilidade non poden compracer a todos pero si aos máis", indicou ante un público de técnicos e representantes de Palma, Torres Vedras, Barcelona, Madrid e Cuenca e, segundo informa o Concello, suscitou un alto grado de interese ao reflectir que sen dúbida non se pode compracer a todo o mundo pero si a un elevadísimo número de persoas, polo que é convinte "relativizar as ameazas de grupos de presión ou oposición que sempre estarán en fronte de calquera cambio que reduza os privilexios dos coches no interior das cidades".
Entre outras manifestacións, o alcalde indicou que Pontevedra está a amosar que a cidade funciona cos coches que necesita, sen ningún máis, xa que o exceso de vehículos convirte ás cidades en lugares nos que a vida cotiá non é doada.