Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, presentaba este martes no Hotel Galicia Palace o libro que conmemora os corenta anos de existencia do BNG. Durante este acto destacaba o papel dinamizador da formación nacionalista nos avances logrados en Galicia durante as últimas catro décadas.
"40 anos despois temos moita máis experiencia e, se cabe, máis gañas, máis proxectos e máis amor polo país", afirmou Fernández Lores durante a presentación e despois de agradecer o traballo realizado por militantes e simpatizantes durante estes anos.
Na parte final da súa intervención pediu traballo durante os vindeiros meses porque "temos por diante retos apaixoantes nas vindeiras eleccións" para asegurar, a continuación, que nos comicios municipais "Pontevedra se xoga acadar metas que outras cidades nin se plantexan" e tamén fixo referencia á cita electoral autonómica "Galiza pode ter en Ana Pontón unha presidenta que lidere o país tendendo a man a toda a cidadanía que quere un país con futuro, igualdade e poder de decisión".
Tras o alcalde tomaron a palabra Chus López Escudeiro, Rubén Cela e Carme da Silva para destacar as accións desenvolvidas durante a existencia da formación política, tal e como se recolle no libro elaborado polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, con 400 fotografías, moitas delas inéditas. O acto concluía cunha homeaxe ás persoas que levan corenta anos militando no Bloque.