Lores pide "seguir soñando" aos pontevedreses na súa presentación como candidato do BNG á alcaldía

Pontevedra
28 de maio 2026
Actualizado: 29 de maio

O candidato á reelección como alcalde de Pontevedra asegura aspirar a unha nova gran transformación da cidade no próximo mandato: "Os vindeiros anos van ser os da gran colleita", afirma

Miguel Anxo Fernández Lores preséntase como candidato do BNG á alcadía de Pontevedra en 2027

Arroupado por amigos, compañeiros, e toda a plana maior do seu partido. Así se presentou este xoves de maneira oficial Miguel Anxo Fernández Lores como candidato do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ás próximas eleccións municipais en Pontevedra.

Lores aspira á reelección poñendo como aval a xestión realizada nos últimos anos pero tamén mirando ao futuro, cara a un novo mandato no que albisca unha nova gran transformación na cidade.

"O que fixemos até o de agora é demostrar que outro modelo de cidade era posible. Hoxe toca dar un salto adiante", afirmou o candidato nacionalista desde o escenario do Auditorio Afundación convidando os pontevedreses a "seguir soñando".

"Temos proxectos preparados. Temos experiencia. Temos credibilidade. Temos un modelo recoñecido internacionalmente. Pero sobre todo temos algo fundamental: Temos unha sociedade valente", defendeu convencido de que os próximos anos "van ser os da gran colleita"con proxectos como a renaturalización do Gafeños, a recuperación da praia de Ponte Sampaio ou o parque da Parda pero tamén con aspectos como a defensa do comercio, a mellora da mobilidade, a cultura, o deporte, a innovación e a creatividade.

Fernández Lores pediu na súa presentación a confianza dos veciños lembrando tamén actuacións en marcha ou previstas en Mollavao, O Burgo, A Parda, Monte Porreiro, Corvaceiras, Valedorvos, A Seca ou San Amaro, así como en puntos dun rural que quere converter en "un auténtico verxel".

O xa candidato do BNG reivindicou durante o seu discurso a transformación protagonizada pola Boa Vila desde a súa chegada á alcadía, e é que "hoxe xa ninguén discute que aquela revolución tranquila tiña sentido".

"Durante anos quixeron facernos escoller entre economía e calidade de vida, entre progreso e medio ambiente, entre dinamismo e benestar, e demostramos que era mentira. Pontevedra medra, atrae actividade, atrae talento, visitantes, atrae proxectos, e faino precisamente porque decidiu diferenciarse", defendeu poñendo sobre a mesa que "os datos desmontan o discurso de que Pontevedra está ben para vivir pero non para traballar".

Miguel Anxo Fernández Lores asegurou ademais que desde Pontevedra "seguiremos esixindo o que nos corresponde, con firmeza e con dignidade" ante o resto de administracións (Goberno, Xunta e Deputación), lembrando que "Madrid esqueceuse demasiadas veces de Pontevedra" e que "a Deputación Provincial vive probablemente o peor momento de colaboración institucional con Pontevedra desde hai décadas". A pesar diso "non van conseguir deter a esta cidade", reivindicou.

Por todo iso "agora non é tempo de experimentos. Agora é tempo de certezas. Agora é tempo de confiar en quen xa demostrou que sabe levar este barco aos mellores portos do mundo", concluíu.

ARROUPADO POLA PORTAVOZ NACIONAL DO BNG, ANA PONTÓN

O acto de presentación de Miguel Anxo Fernández Lores como candidato contou coas intervencións de Sabela Bará, Eva Vilaverde e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

"Pontevedra precisa outros catro anos máis de Lores para seguir avanzando e demostrando que non ten teito", sinalou a máxima responsable do Bloque Nacionalista Galego.

Pontón afirmou que "Pontevedra vai ben" e defendeu o proxecto desenvolvido na Boa Vila como "o paradigma do modelo municipal de calidade e de éxito do BNG, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, cunha xestión impecable e eficiente dos recursos públicos".

A líder nacionalista puxo en valor os avances en mobilidade urbana, humanización do espazo público ou na recuperación de espazos naturais, ideas que farán que Pontevedra "siga avanzando e sendo unha cidade admirada en todo o mundo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora