Lores, "preocupado" ante a pandemia: "A impresión que teño é que non se están a facer os protocolos como din"

Pontevedra
16 de setembro 2020

A pandemia non remite en Pontevedra. O número de casos activos por COVID-19 na cidade ascende xa a 296, trece máis que hai 24 horas. "Estou moi preocupado", recoñece o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que reitera que frear ao virus "é responsabilidade de todos"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

A pandemia non remite en Pontevedra. O número de casos activos por COVID-19 na cidade ascende xa a 296, trece máis que hai 24 horas. "Estou moi preocupado", recoñece o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que reitera que frear ao virus "é responsabilidade de todos".

"É un tema que hai que tomarse en serio", defendeu Fernández Lores, sobre todo ante o gran volume de asintomáticos que se están detectando e que poden poñer en risco a un sector de poboación máis vulnerable á infección.

O Concello, asegura o alcalde, colaborará coas autoridades sanitarias para tomar medidas contra o avance da COVID-19, pero reitera que "o virus está na xente", polo que pide aos cidadáns que extremen as precaucións porque "somos nós os que estendemos a pandemia aínda que non sexamos conscientes".

Iso si, tras este chamamento, Miguel Anxo Fernández Lores tamén mantivo as súas críticas ante a "escasa" información de Sanidade durante todo este proceso "porque nos dicían que había unha incidencia escasa e agora de súpeto hai brotes por todas partes".

"A impresión que teño é que non se están a facer os protocolos como din", sinalou Fernández Lores, que criticou que na Xunta "van un pouco de campións" e, entre outras medidas, "non se fan PCR a todo o mundo" para detectar a verdadeira incidencia do virus.

Ademais, aínda que espera que as medidas que se están tomando permitan "aplanar a curva", o rexedor pontevedrés lamenta que moitas dela sexan "parciais" e tomáronse con atraso ou que se mantivo o regreso ás aulas dos nenos.

"Enfrontarse a esta pandemia require sensatez, que non haxa demagoxia e que todos colaboremos", engadiu o alcalde, que aconsellou á Xunta que "non se adxudiquen medallas porque ao final veñen os rebrotes".

Para controlar o cumprimento das restricións, o Concello avanzou que a Policía Local priorizará dentro do seu traballo diario o seguimento de todas as cuestións relacionadas coa seguridade pública no medio desta pandemia.