Os hospitalizados por COVID-19 na área sanitaria ascenden a 22, cinco deles na UCI

Pontevedra
18 de setembro 2020

O balance oficial do Servizo Galego de Saúde sitúa en 611 os casos activos por COVID-19 en Pontevedra, tras detectar 28 novos contaxios. Os outros 589 casos activos reciben seguimento nos seus respectivos domicilios

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Esta segunda onda da COVID-19 comeza a notarse nos hospitais da área de Pontevedra e O Salnés. Actualmente, 22 pacientes están ingresados tras dar positivo, cinco deles na UCI. Son catro hospitalizados máis nas últimas 24 horas.

Dezaseis dos pacientes hospitalizados están a ser atendidos en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra e un máis no hospital Quirón Salud Miguel Domínguez. Non hai infectados no Hospital do Salnés.

Os outros cinco pacientes hospitalizados atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) do Hospital Montecelo, dous máis que onte xoves.

O balance oficial do Servizo Galego de Saúde sitúa en 611 os casos activos por COVID-19 en Pontevedra, tras detectar 28 novos contaxios.

Os outros 589 casos activos reciben seguimento nos seus respectivos domicilios. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 1.130 pacientes, dous deles nas últimas 24 horas, e faleceron 19 pacientes na área sanitaria.

En canto á realización de probas PCR, desde onte realizáronse 484, que se engaden ás 34.637 xa efectuadas desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés.

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.317, o que supón nove máis que o día anterior.

Deles, 1.237 son da área da Coruña, 745 da de Lugo, 511 da de Ourense, 611 da de Pontevedra, 406 da área de Vigo, 631 da de Santiago e 176 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 209 en unidades de hospitalización e 4.076 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 16.297 persoas curadas, rexistrándose 705 falecementos. Os últimos, dous homes de 89 e 86 anos ingresados nos hospitais de Lugo e A Coruña. O número de PCR realizadas é de 416.411.