Outra xornada preocupante na área sanitaria, con 51 novos positivos de COVID e 651 casos activos

Pontevedra
19 de setembro 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén un día máis unha preocupante cifra de contaxios de coronavirus, elevando ademais a 24 o número de pacientes hospitalizados, dos que 5 atópanse na Unidade de Coidados Intensivos

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Xornada de novo preocupante na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que polo momento non ve unha redución no ritmo de novos contaxios de coronavirus.

Segundo o balance oficial feito público este sábado 19 de setembro pola Consellería de Sanidade, a área pontevedresa mantense como a de maior incremento de casos de toda Galicia ao rexistrarse 51 novos positivos con respecto á xornada anterior.

Esta cifra dedúcese do aumento en 40 dos 'casos positivos' xunto aos 11 pacientes que recibiron o alta epidemiolóxica. En total, en Pontevedra e O Salnés permanecen activos 651 casos de COVID19.

Esta tendencia á alza segue repercutindo ademais na presión hospitalaria, con dous pacientes máis hospitalizados (24 en total). Deles 17 están ingresados en planta no hospital de Montecelo, 2 máis no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 5 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Desde o inicio da pandemia superaron o COVID 1.141 persoas na área sanitaria, falecendo 19 pacientes positivos.

Na última xornada realizáronse na comarca 546 probas  PCR, que se engaden ás 35.183 efectuadas ata a data.

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.365, o que supón 48 máis que o venres. Deles 1.223 son da área da Coruña, 744 da de Lugo, 509 da de Ourense, 651 da de Pontevedra, 431 da área de Vigo, 626 da de Santiago, e 181 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 29 están en UCI, 200 en unidades de hospitalización e 4.136 no domicilio. Neste momento, en Galicia hai un total de 16.525 persoas curadas, rexistrándose 710 falecementos. As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron un home de 93 anos que faleceu no hospital privado POLUSA de Lugo, unha muller de 85 anos que faleceu no Hospital Lucus Augusti e un home de 89 anos que faleceu no CHUAC. Todos presentaban patoloxías previas.