A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés inicia na capital provincial un cribado preventivo mediante probas PCR a profesionais da restauración e hostalería dos municipios da comarca con restricións especiais por mor da situación epidemiolóxica, isto é, Pontevedra, Poio, Marín e Vilaboa.
O obxectivo, explica Sanidade, é detectar posibles infeccións por coronavirus entre estes traballadores, sobre todo nos casos asintomáticos.
A este cribado engadiránselle proximamente probas de detección a profesionais do taxi, do sector de axuda no fogar e tamén aos policías locais, ao tratarse de colectivos cun alto grao de mobilidade e contacto con diferentes persoas.
Dado o alto número de test que supón esta medida, a administración sanitaria contempla que esta actividade preventiva se efectúe diariamente en quendas de mañá e tarde nun punto de extracción de probas que se situou ao fondo do aparcamento lateral exterior do Hospital Provincial de Pontevedra, con acceso pola rúa Loureiro Crespo.
Segundo explica Sanidade, habilitouse un circuíto diferenciado de acceso e saída de persoas ao recinto, a través de sinais no chan ao longo do aparcamento para tentar canalizar o fluxo de persoas e que non se produzan concentracións ao longo da xornada.