O pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns 19 de decembro abordará unha cuestión sensible sobre a que, cada día que pasa, os cidadáns están máis preocupados: a situación sanitaria da área de Pontevedra e o colapso das urxencias hospitalarias.
Será a través dunha moción que presentarán o BNG e o PSdeG-PSOE pola vía de urxencia, ao entender que "cada día é igual ou peor que ou anterior", segundo denunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en rolda de prensa.
Nesta iniciativa, o goberno municipal esixirá que se definan e se adopten as medidas "pertinentes" para mellorar a atención sanitaria en Pontevedra, especialmente en Atención Primaria porque "se nos PAC non hai ninguén enches os hospitais".
Esta situación, advertiu Fernández Lores, é "perigosa" para os pacientes e para os propios traballadores sanitarios, ademais de "non resolver os problemas da xente", que non reciben atención "cun mínimo de calidade e con persoal suficiente".
A sanidade é un servizo "básico e fundamental" do estado do benestar "que atende a todo o mundo por igual", lembrou o alcalde, que lamenta que se deteriorou "ata niveis descoñecidos" como resultado da "política de desmantelamento" dos últimos anos.
"Paréceme un tema que temos que afrontar como sociedade", asegurou o rexedor pontevedrés, que censurou que haxa pacientes que, tras ir de centro en centro, acabasen sendo derivados ao Salnés ou á sanidade privada.
RAFA DOMÍNGUEZ VE "LAMENTABLE" USAR POLITICAMENTE A SANIDADE
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, avanzou que el será quen defenda a postura do PP sobre sanidade na sesión plenaria do próximo luns.
Sostivo que a sanidade pública "es un valor que tenemos que defender y mantener", pero considera "lamentable" que haxa persoas que "intenten sacar réditos políticos de una situación tan compleja", polo que deixou no aire o sentido do seu voto.
Domínguez subliña que "me pongo del lado" daqueles que teñen a intención defender a sanidade pública, especialmente médicos, enfermeiras e traballadores sanitarios, pero insiste en que outros moitos só buscan usar politicamente a situación actual da sanidade galega.