Lores, sobre o soterramento dos pasos a nivel dos Praceres: "vai empeorar o estado da praza"

Pontevedra
18 de xullo 2022

A licitación da obra de supresión dos pasos a nivel do tren na praza dos Praceres non cambia a opinión municipal contra esta actuación. O alcalde lembra que a súa postura é "sempre a mesma" e advirte que ao soterrar os pasos vanse "inundar". O proxecto "non ten a anuencia do Concello de Pontevedra"

Vías do tren na praza dos Praceres
Vías do tren na praza dos Praceres / Mónica Patxot

A licitación da obra de supresión dos pasos a nivel do tren na praza dos Praceres non cambia a postura do Concello de Pontevedra contra esta actuación. Este luns que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publica o anuncio do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) para licitar a obra por 8,9 millóns, o alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a súa postura é "sempre a mesma". 

"Esta obra vai empeorar o estado da praza dos Praceres", asegurou en declaracións aos medios de comunicación en Estribela, a pouca distancia da zona de actuación

A solución licitada pasa por soterrar os tres pasos a nivel en execución da sentenza que ilegaliza os pasos do ferrocarril por esta praza da parroquia de Lourizán.

A obra chega 18 anos despois da primeira sentenza que en 2004 condenou á Administración Xeral do Estado, e cando a resolución xudicial xa é firme por parte do Tribunal Supremo.

Agora que a supresión será unha realidade, Lores sinalou que "non estamos dacordo con este proxecto que fixo o ministerio", en alusión ao actual Ministerio de Transportes, e advirte que ao soterrar os pasos vanse "inundar". 

O alcalde insiste en que "hai que facer todo o que se poida facer para que o paso do tren afecte o mínimo posible" e este proxecto agora licitado non o fai, senón que "vai empeorar", de  maneira que "non ten a anuencia do Concello de Pontevedra".

Esta solución chega tras dúas décadas de batalla xudicial entre o entón Ministerio de Fomento e os veciños desta parroquia pontevedresa, que contaron co apoio do Concello de Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora