O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Comisión de Festas de Loureiro, Miguel Ángel García González, presentaron este mércores o programa festivo na honra da Virxe das Neves que terá lugar nesta parroquia os días 6 e 7 de agosto.
O programa iníciase o día 6 de agosto ás 21 horas cunha misa e ao seu remate terán lugar as populares “poxas” onde se subastarán diversas doazóns feitas polos devotos. Ás 21:30 horas comezará unha gran churrascada para compartir entre todos aqueles que se acheguen ata o campo da festa de Loureiro.
Rematará a xornada festiva cunha verbena protagonizada por La Noche e o trío 3.COM.
A xornada do domingo 7 de agosto estará amenizada coas alboradas que protagonizarán os membros do grupo folk “Os Trazantes de Tenorio”, que poñerán a nota musical e animarán á veciñanza a acudir ás 13 horas á misa solemne na igrexa parroquial.
Pola súa banda, o alcalde Jorge Cubela, felicitou aos membros da Comisión de Festas por manter activas as poxas, organizar unha churrascada para toda a veciñanza e aquelas persoas que se acheguen ata Loureiro e por ofrecer á veciñanza actividades para todos os gustos.