Pazos de Borela vivirá este sábado unha xornada festiva na honra de San Roque e San Antón

Cerdedo-Cotobade
10 de agosto 2022

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e as irmás Verónica, Mar e Miriam Ambroa, membros da Comisión de Festas de Pazos de Borela, fixeron público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá o sábado 13 de agosto na honra de San Roque e San Antón

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e as irmás Verónica, Mar e Miriam Ambroa presentan o programa das festas de Pazos de Borela
O alcalde de Cerdedo-Cotobade e as irmás Verónica, Mar e Miriam Ambroa presentan o programa das festas de Pazos de Borela / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e as irmás Verónica, Mar e Miriam Ambroa, membros da Comisión de Festas de Pazos de Borela, fixeron público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá o sábado 13 de agosto na honra de San Roque e San Antón.

As celebracións abriranse ás 12 do mediodía cunha misa solemne, seguida de procesión e sesión vermú amenizada pola Charanga Charandonga.

A partir das 19 horas, a diversión está pensada para os máis pequenos, que contarán coas colchonetas e os inchables do Arco da Vella de xeito totalmente gratuíto.

Pola noite, haberá unha verbena amenizada polo grupo Reflejos e pola discoteca móbil Dolce Vita. Ao remate da festa está previsto que se realice unha degustación dunha queimada para todos os asistentes.

O alcalde, Jorge Cubela, felicitou ás irmás Verónica, Mar e Miriam Ambroa por preparar este programa de festas en tempo récord para que a veciñanza de Pazos de Borela poida desfrutar dunhas actividades festivas na honra de San Roque e San Antón, como viña sendo tradicional.