Poio xa conta co seu particular paseo das 'Estrelas de rock', en Lourido, inaugurado tras o espectáculo que esta fin de semana ofreceu a Banda de Música de Poio xunto a Javier Ojeda (Danza Invisible) e Goar Iñurrieta (Cicatriz).
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, participaron na cerimonia de apertura do paseo, que xa loce as estrelas dedicadas aos artistas do festival e a figuras destacadas de ambas as dúas bandas pola súa traxectoria.
A iniciativa, impulsada pola Escola de Música de Poio co apoio do Concello, incorporará cada ano os nomes dos participantes no festival.
Durante o acto, Moldes destacou que "é unha satisfacción e un orgullo comprobar como a cultura en Poio continúa medrando, e o fai cunha Escola e unha banda integradas por persoas con moitísimo talento pero, sobre todo, con moita ilusión e ganas de seguir avanzando".
Subliñou, ademais, que o paseo "nace coa vocación de medrar cada ano e de converterse nun punto de encontro para os amantes da música", e destacou que "Lourido suma así un novo atractivo cultural e simbólico para veciños e visitantes".
Tras o éxito do evento, a dirección da Escola adianta "máis forza e ilusión" para deseñar a segunda edición do festival o próximo ano.