Louro lamenta o retraso e a escaseza das axudas á rehabilitación no Centro Histórico

Pontevedra
09 de setembro 2014

O convenio asinado entre Fomento e a Xunta só achega 35 millóns de euros para atender dúas anualidades das 57 ARI de toda Galicia

Rúa César Boente
Rúa César Boente / Mónica Patxot

A Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Centro Histórico de Pontevedra non recibirá fondos públicos do Plan Nacional de Vivenda ata o ano 2015. O concelleiro de urbanismo, Antón Louro, lamentou a tardía sinatura do convenio entre o Ministerio de Fomento e a Xunta o pasado venres.

Preto de 70 propietarios de inmobles no Centro Histórico de Pontevedra agardan pola concreción das axudas públicas dende que a Xunta aprobou, en outubro de 2012 a proposta do Concello de Pontevedra para a declaración desta ARI. Non obstante, o Plan Nacional de Vivenda 2013-2016 aprobouse cun atraso superior a un ano.

A consecuencia da perda de dúas anualidades é que a xestión real das axudas públicas dende os concellos limitarase ao período 2015-2016.

Ademáis Louro advirte da escaseza das axudas consignadas, 35 millóns de euros a repartir en toda Galicia en dúas anualidades, á espera de coñecer as partidas que dotará a Xunta.

En canto ás axudas finais, tan só está concretado que o Ministerio achegará un máximo de 11.000 euros por cada actuación individual, pero falta aínda por definir a parte da Xunta de Galicia.

Louro estima que, dada a situación producida, o Concello debería estudar a posibilidade de incrementar as subvencións á rehabilitación con fondos municipais.