O Concello propón un investimento de seis millóns de euros no ARI do centro histórico

Pontevedra
15 de abril 2015

A memoria-programa do ARI fai un retrato demográfico do centro histórico, no que residen 2.098 habitantes (un 2,5% do total de Pontevedra) e no que o 63% das vivendas están en réxime de propiedade e un 34% alugadas. A inmensa maioría dos residentes ocupan a vivenda de maneira permanente

Rúa César Boente
Rúa César Boente / Mónica Patxot

O Concello aspira a que a primeira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico de Pontevedra chegue a un total 187 vivendas repartidas por 46 edificios. O dato xa era coñecido, pero este mércores é xa oficial ao figurar dentro da memoria-programa que aprobou este mércores a Xunta de Goberno local e que será remitida ao Ministerio de Fomento, encargado de distribuír os fondos do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.

O tenente de alcalde e responsable municipal de Urbanismo, Antón Louro, indicou que esta primeira fase contempla un orzamento total de 6.013.733 euros, dos que o Ministerio de Fomento achega 2.104.806 euros; o Concello, 700.746 euros e os propietarios das vivendas a rehabilitar deberán correr cos 3.208.180 euros restantes.

Louro volveu lamentar que os fondos para a estrea desta ARI chegan con dous anos de atraso, pola falta de financiamento do plan estatal. Ademais, con recortes por mor da non participación da Xunta de Galicia que, por primeira vez, non achega fondos para as subvencións á rehabilitación.

Antón Louro destacou que estas 187 actuacións propostas refírense a adecuacións de fachadas, cubertas e carpinterías exteriores; mellora de elementos comúns e, finalmente, de vivendas propiamente ditas, coa finalidade de mellorar as súas condicións de habitabilidade e accesibilidade.

As obras de rehabilitación edificatoria espallaranse ao longo dos anos 2015 e 2016, mentres que a obra pública na rúa agardará ata o ano 2016. Neste apartado están incluídas as rúas de Tristán de Montenegro, Pratería Vella, Eirado de Alvar Paes, o peche do perímetro do espazo arqueolóxico da ponte do Burgo,os novos quioscos da praza da Ferrería e a mellora da eficiencia enerxética na iluminación ornamental do centro histórico.

A memoria-programa fai un retrato demográfico do centro histórico, no que residen 2.098 habitantes (un 2,5% do total de Pontevedra) e no que o 63% das vivendas están en réxime de propiedade e un 34% alugadas. A inmensa maioría dos residentes ocupan a vivenda de maneira permanente.

Durante o traballo de campo realizado para a elaboración do documento constatouse a existencia dun total de 1.528 vivendas neste ámbito. A maior preocupación dos veciños é o arranxo de tellados e fachadas, así como as humidades derivadas de vivendas anexas en mal estado.