Louzán convoca a 13 alcaldes para intentar paralizar a reforma xudicial de Gallardón

Pontevedra
18 de xullo 2014

Os 13 alcaldes con partido xudicial na provincia, que se ven afectados pola reforma están citados a unha xuntanza o luns ás 10:30 horas na Deputación e, a continuación, emitirán un manifesto en contra dos plans previstos polo ministro de Xustiza

Louzán convoca os alcaldes para realizar un manifesto contra a reforma xudicial /
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, despois da Xunta de Goberno
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, despois da Xunta de Goberno

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou que convocou o luns 21 de xullo aos trece alcaldes da provincia que contan con partidos xudiciais para manter unha reunión e facer unha fronte común que poida paralizar a reforma xudicial prevista polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, que elimina os partidos xudiciais.

Louzán indicou que se tratará dunha reunión de traballo inicial, prevista para as 10:30 horas, na que espera que haxa unha achega por parte dos rexedores afectados e, a continuación, ten intención de que se elabore un manifesto en que se recollan as peticións que se trasladarían ao ministro.

Este encontro derívase do pleno da Deputación do 30 de abril no que se decidiu esixir por unanimidade a retirada da reforma xudicial de Gallardón porque o propio presidente provincial manifestou que non atende ás peculiaridades de Vigo e Pontevedra. Ademais, o acordo plenario tamén instaba a Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado o mantemento dos partidos xudiciais da provincia.

Os alcaldes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Marín, Ponteareas, Tui, A Estrada, Cangas, Lalín, Redondela e Porriño están convocados á reunión do luns.