O Concello de Marín reuniu este luns aos integrantes da Mesa Local do Comercio para preparar a campaña de Nadal.
Presidida polos concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña, acompañados por representantes do resto de forzas da corporación e das asociacións comerciais marinenses, a cita serviu para dar conta da elaboración dunha guia que recolle todos os establecementos hostaleiros que reparten a domicilio ou teñen servizo para recoller, así como estudar propostas para a ornamentación do Nadal e o fomento do consumo nos negocios locais.
Sobre as luces de Nadal, o goberno local planea "unha iluminación acorde a esta situación, que cre ese ambiente de Nadal que todos precisamos, tamén os nosos comercios", expoñen. Este ano, a tradicional decoración das rúas poderá vir acompañada da implementación dun fío musical nas rúas da vila.
Para animar as compras, o Concello está a redactar as bases dun concurso no que pretende involucrar a toda a cidadanía a través da decoración de portais, balcóns ou vivendas unifamiliares. Os premios serán vales de agasallo para trocar nos comercios do municipio adheridos á plataforma dixital Marín en Rede. Non será a única acción que execute o goberno local para este fin.
Baixo o lema Apoiemos o Noso, o Concello ultima tamén a publicación dunha peza audiovisual que apelará directamente ao sentimento dos marinenses para apoiarse os uns aos outros nunhas datas tan sinaladas como o Nadal que chega en momento tan complicado como o da pandemia da covid-19.