Luciano Sobral, elixido alcalde de Poio cos votos de BNG, Partido Socialista e Avante

Poio
15 de xuño 2019

Non houbo sorpresas no Concello de Poio e conforme ao rubricado no pacto de goberno, os concelleiros do BNG, Partido Socialista e Avante escribiron de puño e letra nas súas papeletas o nome do que xa proclamado alcalde electo, o nacionalista Luciano Sobral

Pleno de investidura do Concello de Poio
Pleno de investidura do Concello de Poio / PontevedraViva

Non houbo sorpresas no Concello de Poio e conforme ao rubricado no pacto de goberno, os concelleiros do BNG, Partido Socialista e Avante escribiron de puño e letra nas súas papeletas o nome do que xa proclamado alcalde electo, o nacionalista Luciano Sobral.

A anécdota da xornada brindouna a urna que se desmontou entre tanto vaivén, propiciando as bromas dos concelleiros e do público que encheu o salón de actos do concello.

Luciano Sobral repetiu no seu discurso o agradecemento á cidadanía pola confianza depositada nel e tamén ás tres formacións políticas que conforman o novo tripartito.

"Para min é un orgullo poder formar parte desta corporación e ser de novo alcalde", compartiu cos seus compañeiros. Sobre o novo equipo de goberno avanzou que "imos dalo todo polo noso pobo" e significou que "hai algo que nos une que é o ben do noso concello, das nosas veciñas e veciños".

Como "intensa e frutífera" describiu o alcalde a negociación mantida entre BNG, PSOE e Avante que desembocou en "un proxecto único e coherente" deseñado "para que traballemos por unha idea común".

Sobre este punto de encontro tamén destacou a edil de Avante, e a partir de agora segunda tenente de alcalde, Silvia Díaz, que "afronto esta etapa con ilusión, fortaleza e entusiasmo" co obxectivo de "ser o motor do cambio que mellore o funcionamento deste concello".

Pola súa banda, a primeira tenente de alcalde e portavoz socialista, Chelo Besada, engadiu que "estou segura de que estas tres forzas políticas imos facer que o noso municipio avance a maior ritmo".

Finalmente, o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, lembrou que con oito concelleiros o seu é o grupo que máis representación ten e expresou o seu "respecto" ao novo tripartito "ao que esperamos que lle vaia ben", tamén apuntou que a cidadanía de Poio "votou rexeneración e cambio" e concluíu anunciando que os populares farán unha oposición "construtiva".