Luciano Sobral estudará solicitar máis cribados masivos segundo a evolución pandémica en Poio

Poio
02 de febreiro 2021

O alcalde de Poio agradece a implicación por parte da cidadanía durante as probas realizadas durante os últimos días. O municipio conta este martes con 419 persoas coa enfermidade, dez casos máis dos que estaban detectados durante o luns

Cribado en Poio para detectar asintomáticos
Cribado en Poio para detectar asintomáticos / Cristina Saiz

Segundo como vaia evolucionando a pandemia no municipio de Poio durante as próximas semanas, o alcalde de Poio Luciano Sobral estudará a posibilidade de solicitar ao Servizo Galego de Saúde a realización de novos cribados masivos para controlar a situación.

Este martes, o municipio suma 419 persoas coa enfermidade, unha decena máis que durante a xornada do luns. É un repunte despois de varios días de estabilidade e mesmo con algunha baixada no número de casos positivos. 

Luciano Sobral entende que esta subida pode deberse aos primeiros resultados do cribado e agradece a toda a cidadanía a súa colaboración para realizar estas probas e detectar posibles casos de persoas asintomáticas de covid-19. 

A participación superou o 80% durante estas xornadas. Sobral tamén quixo agradecer o traballo realizado polo persoal sanitario que realizou as probas nas chairas na Seca desde o sábado, cando se iniciou a recollida de recipientes de saliva.

Tamén quixo estender á empresa Pescamar e á Confraría de Pescadores a colaboración prestada e facilitar o uso dos espazos empregados para a recollida e entrega das probas. O rexedor considera un éxito todo o operativo de tráfico para evitar problemas en días con condicións meteorolóxicas complicadas debido ao esforzo realizado por operarios municipais, axentes da Policía Local e voluntariado do servizo de Protección Civil.