Luciano Sobral recibe á Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela

Poio
02 de agosto 2021

Desde a a súa posta en marcha no ano 2006, a Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela veu elixindo Poio como punto de saída para cubrir parte do Camiño Asia, tal e como explican os seus responsables

Luciano Sobral recibe á Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela
Luciano Sobral recibe á Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo este luns un encontro cos integrantes do colectivo Camiño Universal a Santiago de Compostela, que, como vén sendo habitual ao longo dos últimos anos, inician o Camiño de Asia desde o municipio de Poio. 

Desde aquí, partirán cara a capital galega, atravesando diferentes municipios da provincia de Pontevedra.

A expedición está formada por persoas de diferentes localidades e idades. Cómpre lembrar que esta asociación é recoñecible por realizar o Camiño portando rosas brancas, como símbolo de paz. 

Como xa é tradición, o alcalde Sobral agradeceu aos participantes o feito de escoller Poio como unha das súas paradas ata Santiago e destacou a importancia do municipio dentro do contexto do Xacobeo, toda vez que forma parte da Variante Espiritual do Camiño Portugués, feito polo cal cada verán atrae a un gran número de peregrinos.

O encontro do rexedor coa expedición do Camiño Universal tivo lugar nas inmediacións da capela da Virxe da Renda, logo de que os e as excursionistas fixeran noite nas instalacións do IES.

Desde a súa posta en marcha no ano 2006, a Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela veu elixindo Poio como punto de saída para cubrir parte do Camiño Asia, tal e como explican os seus responsables. Ao igual que sucedeu na edición de 2020, nesta ocasión tamén se adaptou a realización do Camiño ás medidas decretadas polas autoridades sanitarias contra a pandemia da Covid-19.