O lugar do Couso, en Santa María de Xeve, recupera o seu histórico cruceiro

Pontevedra
28 de febreiro 2025

Os criterios seguidos na restauración foron a preservación de todo elemento orixinal presente, o emprego de materiais reversibles, a mínima intervención posible ou a identificación de engadidos

Labores de recuperación do cruceiro de Couso
Labores de recuperación do cruceiro de Couso / Concello de Pontevedra

Case seis anos despois o cruceiro de Couso, en Santa María de Xeve, xa está de volta no seu sitio. A súa cruz caera en 2019 durante uns traballos de roza. Os seus anacos foron custodiados pola veciñanza do lugar ata que, por fin, o conxunto puido ser restaurado e recuperado.

O motivo deste accidente foi un toque accidental na base do cruceiro, situado na marxe da estrada PO-223, que viu a súa cruz caer ao chan e sufrir danos que o alteraron gravemente. Permaneceron in situ o seu varal e o seu capitel.

O Concello contratou unha empresa especializada en restauracións, BIC Materiales y Conservación, para recuperar o cruceiro e devolverlle o seu esplendor.

A unidade municipal de arqueoloxía explica que a cruz latina do cruceiro ten no anverso a figura de Cristo, case exento, e no reverso a Piedade.

O estado de conservación previo á restauración era moi deficiente, con algunha restauración anterior non especializada e con certa perda de material. A base da cruz permanecía inserida no capitel e foi retirada para a súa restauración en taller.

Labores de recuperación do cruceiro de Couso
Labores de recuperación do cruceiro de CousoConcello de Pontevedra

Así, os criterios seguidos na restauración foron os habituais neste tipo de traballos, destacando a preservación de todo elemento orixinal presente, o emprego de materiais reversibles, a mínima intervención posible ou a identificación de engadidos.

As fases de restauración que precederon á montaxe de toda a estrutura foron a limpeza, tanto de sucidade como de pátina biolóxica, a adhesión das pezas rotas ou a reintegración material das perdas e das xuntas entre fragmentos.

Todos estes traballos foron precedidos da roza de vexetación da contorna máis inmediata ao cruceiro e da estabilización do varal.