"A situación de seca pon aínda moito máis en evidencia o conflito de intereses entre o abastecemento de auga para consumo humano co consumo para actividades industriais". Así o afirmou este martes o deputado autonómico do BNG Luís Bará. Compareceu na sede comarcal da formación nacionalista en Pontevedra para falar das liñas prioritarias de traballo no novo curso político e non quixo deixar de referirse á situación de seca que leva semanas afectando a toda Galicia e a Pontevedra en particular.
Bará lembrou a situación da bacía do Lérez este verán 2022, no que a situación do río por debaixo do seu caudal ecolóxico obrigou a parar a actividade da pasteira Ence en Lourizán e fixo un chamamento á necesidade de traballar na conciencia social e en abordar situacións como a "avaliación do impacto das actividades económicas intensivas" como a forestación -sobre todo o eucalipto- ou actividades industriais, que "estamos vendo na bacía do Lérez con Ence", sinalou.
Ademais, comparte a opinión xa manifestada do Concello de Pontevedra de que a situación actual da bacía do Lérez "xustifica aínda máis unha nova ubicación deste complexo industrial" asentado en Lourizán e pendente dun proceso xudicial.
Luís Bará lembrou que o cambio climático e a crise económica e ambiental son unha realidade con impactos directos na seca ou os lumes forestais deste verán e considera que "estes meses tivemos unha advertencia" de algo que vai ser unha situación "permanente e duradeira" porque "a auga é un ben escaso".
O BNG considera que é necesario adoptar medidas inmediatas e tamén deseñar un plan para o futuro e no próximo Pleno do Parlamento de Galicia que se celebrará a vindeira semana van propoñer un pacto galego pola auga, pois considera Luís Bará que é "unha cuestión de país que ten que estar por enriba de diferencias partidarias e de intereses territoriais".
O obxectivo do BNG é que de cara a 2023 poida aprobarse ese pacto galego pola auga, baseado na cultura da auga e que poña sobre a mesa cuestións pouco abordadas como a reutilización de augas depuradas ou un plan de investimentos extraordinarios para a mellora das infraestruturas hidráulicas.
Bará sinalou que, para o BNG, en xeral, é máis importante afrontar actuacións urxentes para mellorar as infraestruturas hidráulicas existentes que a construción de grandes infraestruturas novas como transvasamentos ou novos encoros.
No caso concreto do Lérez, e a preguntas dos medios de comunicación, defende que é necesario facer unha análise detallada, pero, a priori, non é necesario novas infraestruturas de captación, senón mellorar as existentes e traballar en cuestións como as perdas de auga na rede de abastecemento, unha cuestión na que Pontevedra fixo "un traballo exemplar".