Luís López asume a presidencia da Deputación coa intención de "aplicar solucións diferentes e políticas distintas"

Pontevedra
06 de xullo 2023

Luís López 'Lugués' tomou posesión este xoves como novo presidente da Deputación de Pontevedra e avanzou a súa intención de "abrir unha nova etapa e aplicar solucións diferentes e políticas distintas", que basicamente, segundo concretou "este cambio vai orientar nunha acción de goberno pensada para os concellos e polos concellos"

Luis López tomou posesión como presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López tomou posesión como presidente da Deputación de Pontevedra

Luís López 'Lugués' tomou posesión este xoves como novo presidente da Deputación de Pontevedra e avanzou a súa intención de "abrir unha nova etapa e aplicar solucións diferentes e políticas distintas", que basicamente, segundo concretou "este cambio vai orientar nunha acción de goberno pensada para os concellos e polos concellos". 

O novo presidente provincial sinalou que "unha das cuestións que queremos cambiar é a proximidade con todas as administracións locais da provincia", polo que anunciou a súa intención de visitar todos os concellos, no primeiros seis meses de mandato. 

Luís López tamén avanzou cal será a "filosofía de actuación" do novo goberno provincial apuntando que "non vimos cun ánimo revisionista, pero tampouco imos aceptar, con total lealdade, políticas e decisións contrarias aos nosos principios". 

É este executivo hai sete alcaldes e outros tantos concelleiros, algúns con responsabilidades nos seus gobernos locais e outros que exercen desde a oposición.

Tamén tivo o novo presidente palabras de agradecemento ao goberno saínte formado polo Partido Socialista e o BNG, e "de cara ao futuro", pediu aos dous grupos da oposición "que sigan traballando arreo pola provincia" xa que Luís López comprométese a "ter a man absolutamente tendida e un ánimo máximo de colaboración". 

SESIÓN DE INVESTIDURA

A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, dirixida por Hipólito Cabezas, recibiu na escalinata interior do Pazo Provincial á nova corporación e aos 300 invitados que asistiron este xoves á sesión de investidura da Deputación de Pontevedra.

César Mosquera, presidiu a mesa de idade xunto a Ana Laura Iglesias, ao ser os deputados de maior e de menor idade, respectivamente. "Como sabedes aquí estase para ler o que di o secretario", chanceou o deputado nacionalista.

A continuación xuraron ou prometeron os seus cargos todos os deputados, sendo o primeiro o propio Mosquera.

Un por un foron pasando ante un atril no que estaba un exemplar da Constitución Española os 27 deputados (14 do PP, 9 do PSOE e 4 do BNG) que utilizaron, maioritariamente, a fórmula habitual para xurar o cargo, incluíndo no caso dos deputados do Bloque a promesa de "defender os intereses xerais do pobo galego e os dereitos nacionais de Galiza" coa excepción de María Ortega que engadiu o seu compromiso coa "defensa da Memoria histórica", responsabilidade de exerceu durante o pasado mandato.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a ex ministra Ana Pastor, os ex presidentes da Deputación, Rafael Louzán e César Mera; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o de Sanidade, Julio García Comesaña; o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez; o fiscal xefe da Audiencia, Pablo Varela; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e outras autoridades civís e militares e representantes de colectivos sociais, económicos, deportivos e do mundo da xudicatura e a educación.

Nin o Partido Socialista nin o BNG presentaron candidato á Presidencia aínda que o PSOE non renunciou a dar un discurso no que, durante 13 minutos, o portavoz Carlos López Font, fixo un balance da xestión do anterior goberno bipartito. 

O portavoz do Bloque, César Mosquera, desde a presidencia do pleno limitouse a darlle un consello a Luís López: "Non se que tal vas de costas pero se estás mal esta cadeira vai cambiándoa".

No seu primeiro discurso, o de presentación da súa candidatura á Presidencia da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez lembrou que o Partido Popular foi "o único partido con representantes provinciais procedentes dos sete partidos xudiciais de Pontevedra e gañamos, con maioría absoluta de representantes, en seis deles". 

"Somos a Deputación que queres, a que vela polos intereses de todos os concellos", sentenciou Lugués.

RUEDA

Ao terminar o acto oficial o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda mantivo un encontro cos xornalistas no que manifestou que "hoxe é un día de alegría", en primeiro lugar polo propio Luís López "creo que o merece e ademais reúne moitísimas condicións" dixo en referencia á súa experiencia de xestión e política xa que, entre outros cargos, foi alcalde de Rodeiro e delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

E tamén por esa "cooperación", que segundo Alfonso Rueda identifica a Luís López que "non leva nada á confrontación ou a rivalidades" polo que se mostrou convencido de que "ábrese unha etapa de moitísima colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra e, desde logo, en todo o que dependa da miña iso vai ser unha realidade".

Como presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda engadiu que "agora empeza unha etapa dura, ilusionante e creo que pode ter, coa xente que empeza esta andaina, moi bos resultados".