O presidente da Deputación de Pontevedra e tamén líder provincial do Partido Popular, Luis López, denunciou este venres a falta de resposta de Renfe e do Ministerio de Transportes ante o impacto das cancelacións de preto de medio cento de servizos ferroviarios na provincia durante xoves e venres.
López recoñeceu que as interrupcións están relacionadas coas borrascas, pero cualificou a situación como "un feito grave" e reclamou explicacións inmediatas aos responsables do Goberno central.
"A práctica parálise total do tren na provincia é de por si un feito grave, que obriga a dar cumpridas explicacións de inmediato", dixo.
O presidente provincial criticou especialmente que de xeito "inxustificable" non se artellasen alternativas de transporte para os centos de pasaxeiros afectados.
"O que é inxustificable é que o Goberno central non dera ningunha opción para que os usuarios puideran chegar aos seus destinos, malia todos os imprevistos", afirmou.
O mandatario provincial referiuse tamén a declaracións recentes do ministro de Transportes, Óscar Puente, que asegurou que o tren en España vive "o mellor momento da súa historia", e rexeitou esa visión á luz dos problemas reais que afrontan os usuarios en Pontevedra.
"Sabiamos que era incapaz de xestionar a realidade das infraestruturas en España. Pero se cadra o problema é que non vive na realidade de milleiros de usuarios que cando van empregar infraestruturas da súa competencia non saben con que incidencia se poden atopar, xa sexa na rede de estradas nacionais, nas autoestradas, no tren ou nos aeroportos", criticou López. "Non hai chascarrillo nin tuit que soporte tanta incapacidade", engadiu.
O presidente provincial subliñou que a situación evidencia "incapacidade" para xestionar de forma efectiva os servizos dependentes do Ministerio e esixe medidas para evitar que se repitan estas paralizacións.