Renfe anunciou, nas últimas horas deste xoves, que a suspensión das viaxes ferroviarias entre Santiago de Compostela e Vigo continuará durante a xornada deste venres 6 de febreiro.
🚨 ACTUALIZACIÓN SERVICIO GALICIA | Jueves 5 de febrero
— InfoRenfe (@Inforenfe) February 5, 2026
⚠️ Debido al temporal de lluvia y viento, se suspende el servicio ferroviario con origen y destino Vigo sin posibilidad de medios alternativos
🚆Trayectos afectados (Alta Velocidad, Media y Larga Distancia):
❌ Vigo…
Esta decisión afectou ao longo deste xoves a todas as liñas ferroviarias entre a capital galega e a cidade olívica provocando unha situación de malestar e incerteza entre numerosos usuarios que, durante esta xornada do xoves 5, tiveron que buscar alternativas para desprazarse.
"Vou chegar tarde ao traballo en Santiago ao non ter tren", indicaba unha moza que esperaba a chegada dun autocar na estación de autobuses de Pontevedra ao redor das 11.15 da mañá.
Afirmaba que o billete que quedaba era para transporte na estrada e chegaría ao traballo preto das 13.00 horas.
A moza é unha das viaxeiras de tren sen abono que non recibiu unha notificación de Renfe. Os usuarios habituais si recibiron avisos por parte da compañía entre as 02.00 e as 07.00 horas alertando da suspensión das viaxes entre Vigo e a capital de Galicia.

Segundo informaban responsables da estación de trens en Pontevedra, ao longo da mañá non se produciron incidencias entre os usuarios que acudían ao despacho de billetes, a pesar de que moitos deles se vían frustrados ao ser informados de que non había unha alternativa de transporte por parte de Adif.
"Deberían ofrecernos outra opción", comentaba outro dos usuarios á porta da estación.

Monbús, segundo informaban no despacho de billetes, reforzou o número de viaxes durante esta xornada ante a previsión dun maior número de pasaxeiros do habitual para percorridos desde Pontevedra a Vigo, Vilagarcía ou Santiago de Compostela.
As mesmas fontes indicaban que tampouco se rexistraron incidencias polo incremento de viaxeiros.

Esta suspensión dos traxectos en tren, indicaban responsables de Renfe, é por tempo indefinido e dependerá da evolución do temporal que atravesa as Rías Baixas durante estas xornadas.