O forte temporal de choiva e vento que se mantén nas Rías Baixas provocou este xoves, 5 de febreiro, un novo peche da autovía PO-11, que une Pontevedra e Marín, mentres que o risco de inundacións e desprendementos levou a Renfe a suspender de forma total e de maneira indefinida o servizo ferroviario en Vigo.
Desde as 5:30 horas desta madrugada, a Garda Civil de Tráfico procedeu ao peche dos catro carrís da PO-11 ante o perigo inminente de inundación.
O operativo, que se prevé manter ata arredor das 10:00 horas, desviou o fluxo de vehículos desde a rotonda de acceso á AP-9 cara á estrada vella de Praceres (PO-546) e a variante de Marín, vias que durante os últimos días rexistraron importantes retencións de tráfico nos seus accesos.
Este corte, que se repite por cuarto día consecutivo, está a xerar problemas loxísticos no transporte.
Segundo denuncian desde a Autoridade Portuaria e o Concello de Marín, moitos transportistas que tentan chegar ao porto terminaron atrapados en viarios estreitos tras seguir rutas alternativas de Google Maps non aptas para vehículos pesados.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, demanda unha reunión de coordinación entre administracións para mellorar a sinalización e reducir o impacto destes peches, especialmente para garantir a operativa de mercadorías perecedoiras.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, xa se puxo en contacto co Concello de Pontevedra para pedir a colaboración da Policía Local e mellorar a sinalización destes cortes.
SEN TRENS
A situación é igualmente crítica no ámbito ferroviario. Renfe anunciou, ás 6.56 horas deste xoves, a suspensión total de todos os trens con orixe ou destino en Vigo tanto nas estacións de Urzaiz como de Guixar, de maneira indefinida.
A operadora cancelou finalmente calquera posibilidade de transporte alternativo ante a situación de temporal.
Os traxectos afectados inclúen as conexións de alta velocidade, media e longa distancia que unen Vigo con Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Ourense e Tui.
Renfe xustifica a medida polo risco real de desprendementos de terra e inundacións nas vías.
Segundo anunciou a empresa ferroviaria durante a tarde deste xoves, a suspensión continuará durante a xornada deste venres 6 debido ao temporal de vento e chuvia.
🚨 ACTUALIZACIÓN SERVICIO GALICIA | Jueves 5 de febrero
— InfoRenfe (@Inforenfe) February 5, 2026
⚠️ Debido al temporal de lluvia y viento, se suspende el servicio ferroviario con origen y destino Vigo sin posibilidad de medios alternativos
🚆Trayectos afectados (Alta Velocidad, Media y Larga Distancia):
❌ Vigo…