Tres días consecutivos de peche matinal da autovía a Marín

Pontevedra
04 de febreiro 2026

A PO-11 volve quedar fóra de servizo en ambos os sentidos a primeiras horas deste mércores polo embate do mar, mentres os veciños de Praceres denuncian unha situación "insosteible" polas continuas inundacións

PO-11 cortada este mércores 4 de febreiro
PO-11 cortada este mércores 4 de febreiro / DGT

Por terceira xornada consecutiva, a PO-11, a coñecida como "autovía" que conecta Pontevedra con Marín, tivo que ser clausurada ao tráfico en ambos os sentidos debido á entrada das ondas na calzada, un fenómeno que coincide coa virulencia do temporal e os picos da marea.

O corte fíxose efectivo arredor das 5:00 horas da madrugada, coincidindo co auxe da pleamar, afectando o tramo comprendido entre as rotondas de Praceres e Mollavao.

Segundo as previsións oficiais, a estrada non recuperará a normalidade ata, polo menos, as 10:00 horas, do mesmo xeito que nos días previos

Como alternativa, o tráfico foi desviado cara á PO-546 (a estrada vella a Marín) e a variante de Marín, que viron incrementado notablemente o seu fluxo de vehículos nestes días.

RÚA DO SANTO: "ENCERRADOS EN CASA"

A escasos metros da autovía, o panorama na Rúa do Santo é de desolación e enfado. Os residentes desta zona de Praceres volveron ver como a auga invadía as súas rúas e propiedades.

Desde a Asociación Estriceres, os seus portavoces cualificaron a situación de "desastre" e denuncian unha desprotección total por parte das administracións.

"A inacción de Augas de Galicia e o Concello está a acabar coa nosa saúde. Onte, cunha pluviometría pequena, estivemos encerrados en casa durante horas", lamentan desde o colectivo veciñal.

Os afectados critican ademais a xestión da seguridade, sinalando que a Policía Local tardou horas en acudirse e que os sinais colocados para prohibir o paso son movidas polos usuarios, o que xera un risco real para peóns e vehículos, segundo denuncian.

"Queremos actuacións agora, non dentro duns anos", sentencian.

Nova inundación na Rúa do Santo
Nova inundación na Rúa do SantoAsociación Estriceres

A orixe das inundacións está no regacho de "Praceres", que flúe entubado baixo a vía do tren. O paso actual conta cun tubo de apenas 800 mm que resulta insuficiente, agravado por unha arqueta mal executada pola Xunta que se sitúa a unha cota superior á entrada da auga.

O concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, César Mosquera, explicou que a solución técnica consistíría en substituír a canalización por unha de 1.200 mm e renovar as arquetas.

Con todo, o Concello afirma que ten as mans atadas. O punto afectado está dentro dunha obra de supresión dos pasos a nivel adxudicada xa por Adif tras unha sentenza do Tribunal Supremo.

O goberno local teme que, si intervén sen permiso do organismo ferroviario, podería incorrer en responsabilidades legais, mentres que Adif non autoriza reformas parciais ao ter o seu propio proxecto (actualmente paralizado) en vigor.

Ante este escenario, o Concello tentará unha negociación de urxencia con Adif para desbloquear o permiso.