O temporal de chuvia e vento que azouta a costa galega, sumado ás fortes mareas vivas, provocou por terceiro día consecutivo o peche ao tráfico da PO-11, coñecida como a autovía de Marín.
A situación derivou en diversas incidencias de tráfico, especialmente relacionadas co transporte pesado, o que provocou problemas para acceder ao Porto de Marín.
A concelleira de Seguridade, Eva Vilaverde, explicou esta mañá os detalles dunha problemática que se viu agravada pola tecnoloxía.
Segundo relatou a edil, o peche da avenida de Marín, executado de madrugada pola Garda Civil de Tráfico ante a subida do nivel do mar, obrigou a desviar a circulación en puntos clave como Manuel del Palacio e a estrada vella, ao igual que na zona de Praceres.
"O Google Maps provocou erros nos camións, que se meteron por zonas menos acaídas", sinalou Vilaverde.
Ao atoparse a vía principal pechada, a aplicación redirixiu o tráfico pesado por calzadas urbanas ou secundarias que non están acondicionadas para vehículos de grandes dimensións, xerando o que a concelleira definiu como un "embolado" circulatorio.
Ante esta situación, a Autoridade Portuaria de Marín trasladou a súa preocupación á Subdelegación do Goberno.
José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, estivo a facer xestións coas administracións competentes para que se sinalicen de maneira adecuada as vías alternativas para evitar problemas coa posible conxestión de tráfico de camións noutros viais máis urbanos.
Tamén demandan que a información sobre os cortes de tráfico sexa inmediata e que estes duren o tempo mínimo imprescindible.
O tema que máis preocupa no Porto de Marín, segundo indican desde a Autoridade Portuaria, é evitar atrasos na operativa de mercadorías, sobre todo nas perecedoiras
O subdelegado, Abel Losada, contactou con Eva Vilaverde para que a Policía Local de Pontevedra colabore na sinalización, co obxectivo de evitar novas confusións.
A prioridade é, segundo Eva Vilaverde, "aclarar esa sinalización para que os camións poidan circular" sen quedar atrapados en rúas estreitas ou colapsar o centro da cidade.
Vilaverde lembrou que a situación é excepcional debido á coincidencia de dous factores meteorolóxicos adversos: "O problema é que choveu moito e coincidiu coa preamar; a auga entra na avenida ao subir o nivel do mar".
Tras varios días de alertas amarelas. laranxas e vermellas na costa, a concelleira amosou o seu desexo de que a situación remita nas próximas horas:
"Espero que haxa menos mareas vivas e que non coincidan con chaparróns, xa que as alertas son por diluvios coincidindo coa preamar", apuntou Vilaverde.