Tres anos de goberno de Luís López: "Rachamos o de poñer a Deputación ao servizo dun concello. Nin de dúas cidades"

Pontevedra
14 de xullo 2026

López, acompañado dos seus trece deputados, destacou que a proximidade coa xente foi a "gran fortaleza" da acción dun goberno que "é o que máis se parece á provincia"

Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na Deputación
Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na Deputación / Cristina Saiz

O executivo provincial que preside Luís López conmemorou este martes os seus tres anos de goberno. Fíxoo con acto no salón de plenos do Pazo Provincial.

A el acudiron case todos os alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra. Faltou,como el mesmo anunciara, o de Pontevedra.

Baixo o slogan 'Valor extra', López, acompañado dos trece deputados do seu equipo, destacou que a proximidade coa xente foi a "gran fortaleza" da súa acción de goberno neste tres anos, algo que "cambiou para sempre" o funcionamento da Deputación.

"Non vai a ser fácil que alguén o cambie", afirmou o presidente provincial, que defendeu que o seu goberno "é o que máis se parece á provincia".

Subliñou que se trata dun equipo de homes e mulleres "preparados, ilusionados, ambiciosos e con ideas" que teñen unha folla de ruta "moi clara" para o presente e o futuro de toda a cidadanía de Pontevedra.

Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na Deputación
Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na DeputaciónCristina Saiz

Ao chegar ao poder en 2023, rememorou Luís López, "tiñamos claro o que tiñamos que manter e o que tiñamos que mellorar".

Dentro do segundo epígrafe, sostivo o presidente provincial, "rachamos o sectarismo e o veto á colaboración" do goberno anterior, independentemente da súa cor política, e que "rachamos o de poñer á Deputación ao servizo dun concello".

"Nin de dúas cidades nin de 59 concellos. Esta Deputación é de todos", sentenciou López, que durante a súa intervención foi entrevistando aos deputados de cada unha das áreas de goberno do seu executivo, que resumiron as súas liñas de traballo destes anos.

Entre os seus logros, o executivo provincial subliñou que a Deputación fixo o investimento "máis importante" da súa historia para financiar todo aquilo "que os concellos quixeron facer", especialmente os 181 millóns repartidos a través do Plan +Provincia.

A eles sumaron máis de 81 millóns na reforma de vías e infraestruturas de toda a provincia, 30 millóns en plans deportivos ou 26 millóns para axudar aos concellos a facer fronte aos seus compromisos cos fondos europeos recibidos.

Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na Deputación
Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na DeputaciónCristina Saiz

Con respecto ás cidades de Pontevedra e Vigo, Luís López e os seus vicepresidentes -Rafa Domínguez e Luisa Sánchez- aseguraron que "nunca antes" recibiran tantos fondos da Deputación. No caso da Boa Vila, afirmaron, uns 37 millóns en tres anos. "Estou sumamente orgulloso de pertencer a este goberno", apuntou Domínguez.

"Nunca Pontevedra sentiu tan cerca e con tanta importancia ou Museo", destacaron, engadindo que actualmente o museo pontevedrés está a vivir a súa "etapa dourada" coa recuperación da Bienal, o "avance continuo" de Santa Clara, a reforma dos edificios centrais "que moi pronto será unha realidade" ou o centro arqueolóxico previsto en Barro.

Antes de concluír o acto, a modo de resumo, o presidente da Deputación fixo certa autocrítica ao afirmar que "non somos perfectos, nin somos infalibles". Recoñeceu que "non sempre chegamos a tempo nin a todo" e que tamén cometen erros pero, engadiu, "non escatimamos esforzos, ganas e ideas".

Garantiu que, con todo o traballo realizado até agora, "imos a deixar a provincia mellor que nola atopamos no 2023 pero peor do que a deixaremos no 2031 e sucesivos".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora