A esperada renovación do parque de Luís Otero está a piques de ser unha realidade. O goberno municipal de Pontevedra iniciou os trámites para a contratación desta reforma integral, na que se investirán uns 450.000 euros.
As obras, unha vez adxudicadas, terán un prazo de execución de seis meses, polo que se estima que o novo parque estea a disposición da cidadanía a principios de 2027.
"Será unha transformación absoluta", indicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que esta actuación foi acordada co PSOE a cambio do seu apoio aos orzamentos municipais deste ano.
A actuación estruturarase en tres grandes áreas diferenciadas sobre o espazo actual.
A primeira delas consistirá nunha gran zona de xogos infantís pechada de 425 metros cadrados, totalmente accesible.
Esta área estará dotada de modernos aparellos de xogo, zonas de estancia con mobiliario renovado e un gran banco en voladizo, a modo de bancada, de 18 metros de lonxitude que se instalará aproveitando o muro perimetral.
O segundo eixo do parque situarase na zona noroeste, onde se construirá unha pista de 13 por 8 metros para xogos deportivos. Á beira desta zona, instalarase unha tirolesa.
A terceira zona, situada no extremo este que dá cara á Avenida de Compostela, destinarase á práctica de exercicio físico ao aire libre coa instalación de até dez estaciones de adestramento diferentes.
Todo o deseño do parque contará cunha tematización especial ao redor da historia do Pontevedra Club de Fútbol e o campo de Pasarón e, en todo o espazo, haberá fontes, papeleiras e até un 'aparcabici'.
"En momentos onde as temperaturas son cada vez máis elevadas, a creación de zonas verdes, arboradas e espazos de sombra é unha prioridade para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños", sentenciou o alcalde na presentación do proxecto.