Luís Rei afronta unha nova etapa na súa vida. Foi o portavoz de Marea Pontevedra durante catro anos na corporación de Pontevedra. Presentouse a estas eleccións coa intención de incrementar os dous concelleiros que tiña a súa agrupación e, en cambio,Marea Pontevedra quedaba sen representación.
Ante esta situación desilusionante, Luís Rei confesa sentirse "decepcionado" polos resultados das eleccións e polos erros que cometeron e que deron opcións aos adversarios políticos.
Ao preguntarlle que tería rectificado se puidera volver atrás no tempo, fai referencia á división que se producía dentro de En Marea en Galicia, que desencadenou que en Pontevedra se presentar por unha parte, Marea Pontevedra e por outra, Podemos. Confesa que el nunca quixo que se realizara esa ruptura e sinala que foi consecuencia de todo un proceso de "ruído de furia" que axitou a En Marea. Esa separación provocou "resultados nefastos" nas eleccións xerais e tamén nas municipais "sendo un negocio pésimo para ambos" en Pontevedra.
Rei lembra que durante este mandato realizou "un gran sacrificio" persoal ao manter a súa actividade laboral como xornalista da CRTVG e como escritor, ao mesmo tempo que sumaba o seu traballo político no Concello e organicamente dentro da súa formación política. Lembra que, durante estes catro anos no Concello, non cobraba polo traballo que desenvolvía como integrante da corporación.
Todo este esforzo viuse truncado o domingo malia cando a perspectiva de superar os resultados de hai catro anos parecía factible despois de que o seu equipo tivera sentadas as liñas programáticas e tras incorporar a persoas "de valía como Teresa Casal", que figuraba como número dous da candidatura. Para Luís Rei todo ese esforzo "se desbarata" cando salta polos aires a confluencia galega da agrupación de En Marea, situación contra a que loitou sen éxito, afirma lamentándose.
"A xente nunca se equivoca e quixo uns resultados que dan representación a uns e a outros se lle quita. A iso non hai nada que opoñer"
"A min xa non me gustaba comprometerme con En Marea porque eu me integrei nun proxecto para Pontevedra, para o cambio no Concello". afirma para distanciarse da agrupación galega e dos malos resultados obtidos nestas dúas últimas citas coas urnas: "eu non tiven ningún papel aí porque a miña ambición limitábase a Pontevedra" e recoñece que aquí non souberon "atrincherarse" contra esa ruptura no seno da colaición galega e remataron pagándoo nos comicios.
O ata agora líder de Marea Pontevedra recoñece que o que lle dá máis rabia é comprobar que a suma dos votos da súa candidatura e a de podemos permitiría obter dous concelleiros. E mesmo está convencido de que sen a ruptura tería subido a súa representación. "Íamos sacar un resultado vistoso", afirma.
FUTURO DE MAREA PONTEVEDRA
Sente que as persoas ás que a súa agrupación representaba perdan a súa referencia institucional na nova corporación pero admite que "a xente nunca se equivoca e quixo uns resultados que dan representación a uns e a outros se lle quita. A iso non hai nada que opoñer". Agarda que o goberno que se formalice manteña un dos seus proxectos principais, o da renda social, que estivo orzamentado nestes tres últimos anos e que se ampara nunha ordenanza. Pero, iso si, admite que a ausencia de Marea Pontevedra para fiscalizar ese tema chega a espertarlle dúbidas: "non sei en que quedará".
En 15 días, despois de ter posto o seu cargo a disposición do partido, Marea Pontevedra deberá celebrar unha asemblea en que se decidirá como a agrupación afronta o seu futuro. Rei cre que hai persoas que podería asumir o liderado pero "non sei por onde van ir. Non sei".
Luís Rei afronta agora outra etapa sen o estrés da vida política e admite que se sinte "aliviado" con esta marcha. Poderá volver a súa actividade normal, a escribir e a seguir exercendo como xornalista na quenda de fin de semana da Televisión de Galicia. Volverá a ser "xente do común".