A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, continúa coa rolda de visitas institucionais, e este xoves mantivo un encontro co alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costas, con quen analizou as principais demandas do municipio en relación a administración autonómica.
Entre estas demandas atópase a necesidade de mellorar o saneamento da parroquia de Fragas, e en concreto, do lugar de Reboredo, así como a estrada de Serrapio e a posta en marcha dunha senda peonil que remate a que existe actualmente entre Campo Lameiro e o parque arqueolóxico desta localidade.
Por outra banda, o rexedor insistiu na necesidade da colaboración da Xunta de Galicia en relación ao adecentamento dos petroglifos que se atopan no Campo de Matabois e no Chan da Lagoa, e que están catalogados como zona BIC.
Cuestións coma a posta en marcha de obras de mellora de estradas rurais ou de humanización de certos entornos pecharon o encontro entre ambos responsables políticos, agradecendo o rexedor a visita de Luisa Piñeiro ao concello.