Os servizos de extinción traballaron na tarde deste xoves, 2 de xullo, na extinción de varios incendios forestais declarados nos municipios de Cambados, O Grove e Cuntis.
O desenvolvemento das tarefas coincidiu coas temperaturas elevadas e refregas de vento do nordés nas Rías Baixas.
O primeiro dos focos orixinouse ás 17:45 horas no límite entre os concellos de Vilanova de Arousa e Cambados. O lume comezou en territorio vilanovés e estendeuse cara á zona de Tragove, na parroquia cambadesa de Corbillón.
Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, as lapas queimaron dúas hectáreas de terreo antes de quedar estabilizadas.
A proximidade do lume a varias vivendas, empresas e instalacións porcinas levou aos residentes a colaborar nos primeiros momentos con mangueiras e recipientes de auga.
O operativo de control estivo integrado por un técnico, dous axentes, cinco brigadas, catro motobombas, dous avións e tres helicópteros de Medio Rural. A nivel local, participaron o Servizo de Emerxencias e a Policía Local de Cambados, a Policía Local e Protección Civil de Vilanova de Arousa, a Garda Civil, os Bombeiros do Salnés e a unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta de Galicia.
No Grove, o lume afectou á contorna do Esteiro de Moreiras. Segundo recolle o medio Todogrove, o incendio queimou unha superficie de tres hectáreas e a fronte das lapas situouse a unha distancia de entre 40 e 50 metros dalgunhas casas antes de ser controlado.
No dispositivo traballaron os servizos de emerxencia do Grove e Sanxenxo, a Garda Civil, xunto con brigadas terrestres e helitransportadas, helicópteros e avionetas da Xunta de Galicia.
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, sinalou que a orixe do lume atópase baixo investigación e expuxo a incidencia que ten a falta de limpeza das parcelas na propagación dos incendios. O rexedor anunciou que o goberno local, que mantén uns 700 expedientes abertos por este motivo, prevé aplicar as sancións económicas estipuladas na normativa e mesmo expropiar propiedades.
Por último, no Concello de Cuntis, o goberno local informou a últimas horas da tarde da existencia dun incendio forestal activo na aldea de Gontade.
Ante a presenza dos equipos de emerxencia sobre o terreo, a administración municipal emitiu avisos públicos nos que solicitou á poboación non aproximarse ao lugar e manter despexadas as vías de acceso para facilitar o paso e as manobras dos camións de bombeiros.