Este luns abre o prazo para inscribirse nos Espazos Concilia do Concello de Poio

Poio
14 de maio 2025
Actualizado: 14:42

As inscricións poderanse realizar a través do rexistro xeral do Concello así como a través da súa sede electrónica ou no espazo habilitado no Pazo Besada para este fin

Espazos Concilia durante o verán en Poio Concello de Poio - Arquivo

O Concello de Poio abre o luns 19 de maio as inscricións para participar nos Espazos Concilia, un programa municipal que garante a conciliación familiar entre xullo e setembro nos colexios de Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó).

Unha aposta moi potente do Concello de Poio que inclúe 240 prazas cada quincena durante os meses de xullo e de agosto, e 50 na semana previa ao inicio do curso escolar.

En total, máis de 1.000 prazas en todo o verán para ofrecer aos máis pequenos horas de diversión, disfrute e lecer durante as súas vacacións escolares, ao mesmo tempo que se asegura que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral, familiar e persoal.

As inscricións pódense facer entre o luns, día 19, e o 30 de maio, tanto a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no espazo habilitado no Pazo Besada para este fin, así como a través da sede electrónica do  Concello de Poio.

En caso de haber máis solicitudes que prazas, adxudicaranse segundo baremo, no que se terá en conta a situación laboral e sociofamiliar. Só en caso de empate na puntuación, terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada no rexistro. 

As bases completas do Espazo Concilia pódense consultar na web concellopoio.gal.

Poden participar nos Espazos Concilia do Concello de Poio nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2021, ambos inclusive. Cada participante poderá inscribirse en tantas quendas como desexe e, como mínimo, poderá anotarse quince días nos meses de xullo e agosto ou a semana de setembro completa.

No colexio de Viñas ofreceranse 45 prazas por quincenas nos meses de xullo e de agosto, e 50 en setembro, mentres que en Espedregada serán 45 por quincena en xullo e agosto e, por último, en Isidora Riestra serán 150 prazas por quincena nos dous meses.

As ludotecas desenvolveranse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas.

Ademais, tamén se organizarán actividades os sábado 19 de xullo e 9 de agosto no mesmo horario. Con respecto ás tarifas do Espazo Concilia, cada quincena terá un custe de 17 euros por usuario, que deberá abonar 10 euros pola semana de setembro.