Poio suscribe un convenio con Medio Rural para prevención e defensa contra incendios

Poio
13 de maio 2025

O convenio inclúe un vehículo motobomba e labores de vixilancia e defensa a través dunha brigada composta por cinco persoas

Motobomba e traballadores do servizo de extinción de incendios
Motobomba e traballadores do servizo de extinción de incendios / Xunta de Galicia

O Concello de Poio aprobou este martes o convenio coa Consellería do Medio Rural para desenvolver accións na prevención e defensa contra os incendios forestais.

O acordo ten unha vixencia de dous anos e o seu obxectivo é conseguir unha maior eficacia na loita contra estes sinistros a través da optimización no uso de todos os recursos dispoñibles.

O convenio inclúe un vehículo motobomba, labores de vixilancia e defensa a través dunha brigada composta por cinco persoas e tratamentos preventivos de xeito manual e mecanizado.

Este servizo conta cun investimento de 47.000 euros e o convenio inclúe todos os elementos e recursos precisos, tanto materiais como humanos.

A maiores, o Concello de Poio abre tamén o proceso selectivo de condutores de vehículo motobomba, e deste xeito xa se aprobaron as bases para constituír as bolsas de contratación.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, que será nos días próximos.

As persoas aspirantes presentarán a documentación preferentemente a través da sede electrónica do Concello de Poio, aínda que se admitirán as solicitudes presentadas tamén a través do rexistro xeral.

O Concello de Poio contratará tres condutores durante tres meses.

O proceso selectivo será a través do sistema concurso-oposición, no que se valorarán méritos e farase unha proba de esforzo. Os aspirantes deberán estar en posesión do carné de conducir B e C.