Luz azul na Casa Consistorial e na Deputación para conmemorar o Día Mundial da Diabetes

Pontevedra
14 de novembro 2020

Con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra este sábado 14 de novembro, as institucións de Pontevedra mostran o seu apoio aos padecentes a través de diversas accións, como a iluminación de cor azul tinguirá durante a fin de semana os edificios da Casa Consistorial, na praza de España, e a sede da Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos

Pancarta despregada na Casa Azul polo Día Mundial da Diabetes Concello de Pontevedra

Con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra este sábado 14 de novembro, as institucións de Pontevedra mostran o seu compromiso e apoio aos padecentes desta enfermidade a través de diversas accións.

Este venres despregábase unha pancarta conmemorativa no edificio municipal da Casa da Luz. Participaron neste acto o tenente de alcalde de Pontevedra e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o senador Modesto Pose, como presidente da Comisión de Sanidade do Senado; e as representantes da Asociación de Nenos, Nenas e Adolescentes con Diabetes (ANEDIA) Charo Lafuente e Sonia Fontán.

Esta pancarta encádrase dentro dos actos programados por ANEDIA e o Concello de Pontevedra para facer visible esta enfermidade e a actividade do colectivo.

O serán deste venres concitou o ancendido dunha iluminación de cor azul que tinguiu os edificios da Casa Consistorial, na praza de España, e a sede da Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos, e que estará prendida durante toda a fin de semana.

A Deputación tamén difundirá nas redes sociais un vídeo sobre a doenza e as deputadas Olga García e Ana Laura Iglesias participarán na entrega de premios da VII Milla Solidaria, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

A cor azul que tinguirá o Pazo provincial e o Consistorio de Pontevedra durante a fin de semana é a protagonista do propio logotipo do Día Mundial da Diabetes, un círculo azul que representa á enfermidade e quere transmitir un significado positivo de vida e saúde. Esta cor, amais, é a mesma que a da bandeira das Nacións Unidas, poñendo en valor tamén a unidade da comunidade internacional en resposta á diabetes.

DÍA MUNDIAL DA DIABETES

O Día Mundial da Diabetes celébrase o 14 de novembro, coincidindo co aniversario de Frederick Banting, quen con Charles Best concibiu a idea que os conduciría ao descubrimento da insulina, en 1921. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), dende 1980 o número de persoas con diabetes tense cuadriplicado no mundo, afectando a 422 millóns de persoas. En España ao redor de seis millóns de persoas sofren a enfermidade.

Neste 2020, o Día Mundial da Diabetes celébrase co lema 'Diabetes: O persoal de Enfermaría marca a diferencia', enxalzando o papel clave deste persoal no coidado, educación e apoio das persoas con diabetes.