Luz verde a 2,5 millóns da Deputación para emprego, benestar social e infraestruturas

Pontevedra
17 de xullo 2026

Como gran novidade, o presidente provincial anunciou a aprobación do programa +Convivencia Inclusiva, destinado a financiar actividades de lecer para persoas con discapacidade e dependencia

Celebración dos tres anos de goberno de Luis López na Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, detallou os acordos adoptados na Xunta de Goberno celebrada esta semana, na que se aprobaron investimentos por máis de 2,5 millóns de euros destinadas a emprego, benestar social, infraestruturas e actuacións en concellos da provincia.

O organismo provincial deu luz verde ás bases e convocatoria do programa +Emprega en centros especiais de emprego, dotado con 100.000 euros, un 49% máis que o pasado ano.

Estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, están dirixidas a sufragar os custos salariais das unidades de apoio e favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade. A contía máxima por entidade será de 18.000 euros.

Ademais aprobouse o programa +Convivencia Inclusiva, cun orzamento de 125.000 euros, destinado a financiar actividades de lecer para persoas con discapacidade e dependencia.

As entidades sen ánimo de lucro poderán recibir até 2.500 euros por iniciativa, o dobre que no programa xeral, para cubrir gastos como desprazamentos, aloxamento ou manutención.

As actividades deberán desenvolverse antes do 31 de marzo de 2027, e o prazo de solicitude estará aberto do 29 de xullo ao 21 de setembro.

En materia de infraestruturas, a Xunta de Goberno aprobou un convenio co Concello de Lalín para a mellora da estrada entre Botos e Gresande, cun investimento superior aos 530.000 euros.

A actuación inclúe a creación dunha senda peonil, a renovación do firme, a mellora da drenaxe e da iluminación pública, así como a plantación de arboledo. A Deputación financiará o 80% do proxecto.

Por outra banda, deuse luz verde a unha nova partida de 1,8 millóns de euros ao amparo do Plan +Provincia destinada aos concellos de Caldas de Reis (96.000 euros), Cambados (110.000), Covelo (100.000), A Estrada (92.000) Lalín (115.000), Mos (235.000), As Neves (90.000 euros), Salvaterra de Miño (240.000), Silleda (420.000), Tomiño (160.000) e Tui (140.000).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora