Marín inicia os trámites para a renovación do seu contrato de recollida de residuos urbanos, o máis grande dos que xestiona o Concello.
Un pleno extradordinario celebrado este xoves deu luz verde a iniciar o expediente de contratación do contrato, que suporá un investimento de máis de 20,5 millóns de euros durante os próximos 10 anos.
Aprobouse cos votos a favor do PP e do PSOE e o voto negativo do BNG. Agora, unha vez aprobados os pregos, poderase iniciar a licitación.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou este novo contrato suporá "un gran salto de calidade" con respecto ao anterior.
O novo contrato suporá un aumento de case un 35% da capacidade mínima de recollida entre os colectores de todas as fraccións, chegando a case 4 millóns de litros.
Ademais, nesta nova etapa, incluirase nas illas de recollida selectiva o colector marrón, que serve para recoller en exclusiva os residuos orgánicos, deixando o clásico colector verde para a fracción resto.
Seguirá funcionando sen cambios a recollida específica de enseres e o novo contrato incluirá tamén a dotación da xestión dun Punto Limpo Móbil, que se irá desprazando por distintos puntos do municipio e que facilitará a reciclaxe dos residuos que deben depositarse no mesmo (pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta, cápsulas de café..., entre outros moitos exemplos).
Haberá tres novos colectores de 30 metros cúbicos para o uso das brigadas municipais e o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.
O contrato incluirá un segundo lote por unha duración de 5 anos adicado aos residuos textís, para o que se dotará ao municipio de 20 colectores.
Outro dos puntos relevantes desta nova licitación ten que ver co aspecto salarial das e dos traballadores. Suporá a subrogación da plantilla actual, composta por 14 persoas traballadoras a tempo completo e unha a media xornada.
Nestes momentos os salarios que perciben os traballadores están por debaixo do salario mínimo interprofesional e da media doutros concellos do mesmo tamaño da contorna.
O Concello encargou un informe do que se extraeron datos como que o salario bruto anual dun peón en Marín é, na actualidade, un 30,8% máis baixo respecto da media estudada, e no caso dun conductor, é un 41,26% menor.
Para solucionar esta situación, propoñen un aumento do 22% nos salarios.