O Concello de Marín leva todo este ano traballando para sacar adiante o novo contrato de recollida de basuras.
O 31 de xullo de 2025 finalizará a actual xestión do servizo a cargo de Recolte, ao que se lle adxudicou o contrato hai 8 anos, concretamente o 1 de agosto de 2017.
Despois de realizar unha estrutura de costes que foi elevada á Xunta de Galicia, esta emitiu un informe favorable do mesmo, polo que foi levado ao Pleno da Corporación o expediente con este documento, así como a memoria xustificativa da contratación.
A contía que sae para o contrato é de 1,7 millóns de euros ao ano pola xestión da recollida de lixo.
É dicir, un total de 17 millóns de euros para os 10 anos que durará o contrato, financiados ao 100% con fondos municipais.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explica que "con estas cifras, podemos afirmar que estamos, xunto co do Servizo de Axuda no Fogar, ante o contrato de máis envergadura que temos no Concello. O servizo da recollida de lixo é básico e debe prestarse coas maiores condicións e por iso estamos traballando intensamente nesta nova licitación".
Sanmartín explicou que agora estase a redactar os pregos que rexerán a contratación, que ao exceder un 10% do orzamento municipal terá ao pleno como órgano de contratación, polo que de novo pasará por sesión plenaria para a súa aprobación e continuación.
O obxectivo marcado polo goberno local é poder adxudicar ao longo do primeiro semestre de 2025, para que nova empresa adxudicataria do servizo empece a súa actividade a partir do 1 de agosto do próximo ano.