Luz verde ás instalacións do club de piragüismo de Vilaboa

Vilaboa
23 de marzo 2017

O proxecto levarase adiante entre ambas as dúas administracións despois de que a Xunta de Galicia rachara co seu compromiso de cofinanciar as obras o que obrigou ao Concello a reformular a infraestrutura prevista inicialmente

Visita oficial da presidenta da Deputación ao Concello de Vilaboa Deputación de Pontevedra

A Deputación e o Concello de Vilaboa pecharon o acordo para afrontar a esperada rehabilitación do Club de Piragüismo.

Ambas as administracións cofinanciarán as obras despois de que o Concello se vira obrigado a reformular o proxecto previsto nun principio pola decisión da Xunta de Galicia de non cumprir co seu compromiso económico con estas instalacións, cunha colaboración de 238.955,79 euros.

O Concello, ante a imposibilidade de facerse cargo desa contía, decidiu modificar o proxecto inicial e sustituilo por outro cun orzamento de 179.904 euros.

Esta modificación, acordada entre o goberno provincial e o Concello o pasado 17 de marzo, será referendada este venres pola Xunta de Goberno, manténdose a axuda da Deputación de 150.000 euros e comprometéndose o Concello de Vilaboa a achegar o importe restante de 29.904 euros.