A cidade de Pontevedra volverá ser protagonista de diversos foros aos que foi convidada para expoñer como de maneira práctica se poden desenvolver diferentes iniciativas para mellorar o modelo urbano, a mobilidade peonil e a loita contra o cambio climático.
Esta semana as citas serán en Madrid, Valencia e Barcelona, entre o 19 e o 20 de maio. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, encargarase de representar a Pontevedra en Madrid e Barcelona, mentres que o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, participará nunha xornada en Valencia.
A primeira cita será en Madrid onde se desenvolvese unha mesa redonda baixo o título 'Moverse nas novas cidades sostibles', na que ademais de Fernández Lores participarán Pedro Saura, secretario de Estado de Transportes; Eduardo Ferreiro, director de operacións de Correos e Julia López Ventura, representante para Europa do C40, rede de grandes cidades comprometidas co cambio climático. Será o 19 de maio no Museo Reina Sofía a partir das 17.30 horas.
Esta intervención realízase dentro do foro de debate 'Os fondos europeos de recuperación: así vai cambiar España', que organiza elDiario.es e no que intervén o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli; e Valdis Dombrvskis, vicepresidente económico da Comisión Europea. Durante este encontro reflexionarase sobre experiencias e modelos orientados que se inclúan nos fondos Next Generation da Comunidade Europea.
Despois, Miguel Anxo Fernández Lores trasladarase á cidade de Barcelona para participar nun encontro da plataforma Agora-The New Urban Conversation co ex alcalde de Barcelona, Joan Clos, que tamén foi exdirector executivo de ONU-Habitat. Neste caso o encontro tómase a Pontevedra como exemplo de que a transformación urbana cara á sustentabilidade é posible.
Este encontro será retransmitido en liña e englóbase no marco da nova Axenda Urbana e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas coa intención de lograr cidades máis inclusivas, seguras e adaptables.
César Mosquera viaxará ata Picanya, na comarca valenciana de Horta Sud. Alí participará na primeira mesa redonda organizada pola fundación cívica que leva o nome da comarca. A invitación a Pontevedra é porque, segundo a organización, consideran á cidade un exemplo de mobilidade sostible e mostran interese en coñecer o modelo de cidade para que se expoña diante dos seus dirixentes políticos, sociedade civil e empresas.
O concelleiro pontevedrés compartirá mesa con Giuseppe Grezzi, concelleira de Mobilidade do Concello de Valencia; con Dolors Gimeno, deputada provincial da mesma materia; Toni Velarde, integrante dunha asociación que aposta pola bicicleta como medio de transporte referencial; e Marian Sintes, coordinadora da área de saúde de ConBici. A intención deste encontro é reconstruír a comarca neste momento que vén marcado pola crise.